CEPRID

Rusia: dous pasos adiante, un atrás e a nova orde xeopolítica mundial

Alberto Cruz CEPRID

Sábado 17 de mayo de 2014 por CEPRID

Alberto Cruz

CEPRID

Unhas aulas aceleradas de xeopolítica. A iso estamos a asistir desde hai algo máis de dous meses, xusto cando comezou a crise na Ucraína, xunto coa constantación — incontrovertíbel — da decadencia e do declive dos Estados Unidos como superpotencia. Porén, a situación á que estamos a asistir ten un calado moito maior no tempo do que eses dous meses longos e hai que se remontar un bocado máis atrás, a hai un ano. Coa crise da Ucraína (un país falido, onde o único poder é o que representan os neonazis amparados por Occidente) houbo quen centrase o foco da atención na cuestión de se os EUA eran capaces de derrocar tres gobernos dunha soa vez — o da Siria, o da Ucraína e o da Venezuela — mais non no realmente importante: que a prepotencia estadounidense os levou a cometer un erro de grande calibre, do que xa non se vai repor: enfrentar dúas grandes potencias, a China e a Rusia, de forma simultánea, e que isto ten reforzado a alianza entre ambas.

A actualidade que nos marcan os medios corporativos capitalistas non debe facernos esquecer que todo o que está a acontecer ten unhas orixes que non son outras que a aprovación en xaneiro de 2012 da nova Doutrina de Seguranza Nacional (DSN) dos EUA, na que se certifica a viraxe cara á Asia por parte dunha superpotencia en decadencia acelerada (1). Era o último intento de manter o dominio mundial e convén realizar unha leitura do artigo mencionado para ter uns antecedentes do que está a acontecer hoxe.

Nesa DSN, a Rusia só xogaba un papel secundario. Os EUA consideraban que estaba neutralizada no Occidente europeo — arrodeada de bases da NATO por toda a parte agás por un, a Ucraína — e que só se tiñan que preocupar polos países orientais (Turquemenistán, Acerbaixán, Uzbequistán, Quirgistán, Taxiquistán) para que non tivesen a tentación de caíren na órbita de Moscova, xa isolada do resto da Europa. Portanto, os EUA continuaron enfrente coa súa política asiática, encirrando as tensións coa China, negando as reivindicacións de Beixín sobre o Mar da China ou exacerbando as desputas entre este país, Filipinas e o Vietnam. A prepotencia dos Estados Unidos ten sido tal que ou non se percataron de que tanto Moscova como Beixín tiñan perfeitamente anotado o que significaba esa DSN ou ben decidiron facer caso omiso, considerándoo unha brincadeira. E isto malia que o achegamento entre os dous países, escenificado para os profanos nos vetos conxuntos ás pretensións occidentais sobre a Siria, se afortalaba con cada iniciativa estadounidense.

A colaboración entre a Rusia e a China ten crecido co tempo. Parece que fican lonxe xa os enfrentamentos ideolóxicos e políticos da década de 1960, e nunca teñen estado máis próximas do que agora. No entanto Occidente encirraba os neonazis en Kiev á revolta no que consideraba ser o último movemento para fechar o cerco á Rusia, Moscova e Beixín realizaban manobras militares conxuntas (dúas no que vai de ano) e estreitaban lazos económicos, políticos e militares (a última reunión entre os xefes dos respectivos exércitos produciuse durante os Xogos de Inverno de Sochi) que irían desembocar na visita que Putin se dispón a realizar á China neste mes de maio. A Rusia está a preparar o terreo para un progresivo encerramento da UE ao gás ruso, e nada menos que 30% da produción de gás e petróleo vai ir destinada á China, que pola súa vez ve os ceos abertos coa crise da Ucraína porque, dunha vez, mata unha das bazas dos EUA: o cerco marítimo á China. Os Estados Unidos teñen na actualidade o 60% de toda a súa frota de combate nos mares asiáticos e poderían dificultar o subministro enerxético e de alimentos que chega á China procedente doutros continentes como a América Latina ou a África. Mais o acordo coa Rusia torna ineficaz este bloqueo, porque ambos os países teñen fronteira terrestre. Coa retagarda segura, a Rusia xa só tiña que se preocupar polo flanco occidental, onde os EUA movían as súas pezas para completar o control do taboleiro de xadrez do que falara Brzezinski: a Ucraína. Primeiro, furtando á Rusia o seu acceso ao mar Mediterráneo (non o puido facer na Siria, onde a Rusia mantén a base de Tartus); segundo, levando a NATO ás mesmas portas de Moscova. De forma que non había tempo a perder e a Rusia axiu en consecuencia: con determinación e dureza. Como di un refrán: «os rusos tardan en enselar, mais cabalgan á presa».

Macizo rexeitamento de Occidente

Hai un dato que convén subliñar: a anexión da Crimea á Rusia, previa votación nun referendo de autodeterminación, contou co apoio unánime de todo o parlamento ruso, desde a direita nacionalista até os comunistas. Este dato é crucial para entender o que está a pasar na Rusia e o porqué da actitude de Putin. Este apoio unánime non é mais que a constatación dun sentimento, cada vez máis extendido entre os rusos, de romper calquera vínculo coas institucións europeas, ás que consideran — con toda a razón — os “cans de compañía dos EUA” (2). Desde hai uns meses non hai enquisa en que non apareza un número a cada vez maior de rusos que non queren saber nada de Occidente (72%, cinco pontos mais do que en 2013) mentres aumenta de forma significativa o número de quen aposta por «un camiño de desenvolvemento proprio» (46%, cando en 2006 esta porcentaxe era apenas de 15%) sen descartar «o retorno da Rusia ao socialismo» ao que aspira 28%, catro pontos máis do que en 2013 (3). Por se fose pouco, un novo inquérito certifica que 56% considera que a famosa perestroika de Gorbatchov «trouxo máis prexuízo do que beneficio» para o país (4). Estas son algunhas das razóns polas que hoxe a terceira cidade da Rusia en número de habitantes, Novosibirsk — 1.5 millóns de habitantes — conta cun alcalde comunista desde 9 de abril desde ano, gañando amplamente sobre a candidatura de Rusia Unida, a formación de Putin.

Está claro que Putin está a aproveitar o momento para, deste forma, romper definitivamente con calquera veleidade «euro-ieltsinista» na Rusia. Os «liberais» pró-occidentais están nas catacumbas e sen calquera posibilidade de recuperaren a influencia que tiveron durante a presidente de Ieltsin ou, en menor medida, durante a etapa en que Medvedev foi Presidente (agora é Primeiro Ministro). Este sector avogaba, entre outras cousas e sen entrar en consideracións de política interna, por unha maior colaboración coa NATO ou un aliñamento sen fisuras con Occidente no que ten a ver coa cuestión nuclear de Irán — Medvedev incluiu os míseis S-300 no material bloquado como consecuencia das sancións aprobadas pola ONU embora ser un material non ofensivo, mais defensivo e, portanto, non incluído neste tipo de sancións (5) — e non se opuxo á agresión militar occidental contra a Libia (lembrese o enfretamento público que mantiveron Madvedev e Putin sobre o tema).

Como ben entenderon a Rusia e a China após a aprobación da DSN de Obama, a UE non xoga nada no plano xeopolítico e só é necesario considerar os EUA. De aí que ambos os países teñan aumentado substancialmente o seu orzamento de defensa que, no caso da Rusia, ten chegado a níveis moi similares aos que tivo o exército da URSS. Esta é a razón pola que os EUA non saben moi ben o qué facer após o golpe na mesa dado por Putin e se limita a movementos practicamente simbólicos coa NATO, ainda que sen unha estratexia clara, na medida en que non todos os integrantes europeos están pola idea de importunar a Rusia. É o caso da Alemaña.

Vexamos, por exemplo, o caso das famosas sancións. As que tantos os EUA como a UE impuxeran son ridículas, e as «serias consecuencias» — o mantra recorrente occidental — que enfrentaría a Rusia se a crise continuase enfrente non son mais do que fume. Non é a primeira vez que os occidentais teñen que comer as propias ameazas. Ocorreu xa en 2008, cando a Rusia interviu militarmente após a agresión da Xeorxia contra a Osetia do Sul, e o mesmo cando os máis aguerridos congresistas dos EUA pediron ao goberno de Obama a imposición de sancións polo apoio da Rusia á Siria ou por ter dado asilo a Snowden. A Rusia non é máis un país, deses que Occidente — que di representar os «valores democráticos», como acaba de demostrar na Ucraína respaldando un goberno filofascista — costuma incluir na súa lista de imposición de sanciones se non fan o que Occidente di que hai que facer. Aínda que teña sido un país cándido, incluído Putin, como cando aceptou sementar a Asia Central de bases estadounidenses coa pretensa misión de «combater o terrorismo» após a invasión de Afeganistán en 2001. Esa candidez ten desaparecido e en diante xa nada ha ser igual.

A crise da Ucraína ten deixado ben patente que a Rusia ten regresado ao mais alto da xeopolítica. Xa o tiña feito coa Siria, mais agora ten dado máis un paso. Está a escenificar a súa madurez para romper coa dependencia occidental e recuperar a componente nacional de toda a industria. Esta foi unha das consecuencias que, para a Rusia, tivo ingresar na Organización Mundial do Comercio. Hoxe non é pequeno o número de historiadores que consideran que os logros da política de industrialización de Stalin na década de 1930-1940 se explican polos bloqueos comerciais e crediticios occidentais contra a URSS. O resultado é que a URSS soubo aproveitar a situación para criar poder económico e industrial que lhe permitiu gañar a Segunda Guerra Mundial malia a brutal invasión nazi. Non é pouco frecuente ler este símil nos xornais rusos e non é porque nos acheguemos a unha nova conmemoración, o 9 de maio, da derrota nazi.

Hai que tomar en conta a enquisa antes referida e os últimos movementos rusos. Hai analistas que considerasen a conferencia de Xenebra sobre a Ucraína como unha «cesión» da Rusia frente ás pretensións de Occidente. Porén, non é mais do que un movemento xeopolítico inspirado en Lenin, un paso atrás cando antes o que se ten feito é dar dous pasos para a frente: un retroceso táctico canso se ten gañado unha posición estratéxica. A retirada táctica da Rusia ten sido aceitar na mesa o goberno filofascista de Kiev, ao que tiña negado — e continúa a negar — calquera representatividade. O gaño estratéxico é que nesta conferencia non se ten dito nen unha soa palabra sobre Crimea. Se é que ten habido un retroceso, dado que ese goberno filofascista está sumido no absoluto caos e asiste impotente ao afortalamento gradual e constante da resistencia popular antifascista — e, si, pro-rusa — no Leste. Tamén nisto hai unha certa confusión entre quen di que esta resistencia popular está encoraxada por oligarcas e a realidade, na que quen se está a facer co control son milicias e movementos claramente populares e de corte socialista. As estrelas vermellas de cinco pontas sobre a bandeira rusa son cada vez máis patentes. Ademais, o goberno filofascista de Kiev non é de fiar (ou é que hai que lembrar que apenas un día ants do golpe contra Yanukovitch a chamada «oposición» que hoxe conforma este goberno filofascista tiña asinado un acordo certificando a celebración de eleccións e a retirada dos protestos do famoso Maidan?), como acaba de ficar claro co ataque a un posto civil en Slavianks nunha violación flagrante do acordado nesa conferencia.

A Rusia, agora, devolve a xogada porque neste acordo o que se recolle é o desarme dos neonazis, algo que nen sequera se propoñen os títeres de Kiev e os seus patróns occidentais que, pola contra, insisten en que quen se debe desarmar son as milicias populares de Donetsk e outros lugares. Mais algo ten pasado inadvertido: este acordo de Xenebra produciuse case no mesmo momento en que Putin recomendaba ás empresas rusas anularen o seu rexistro no estranxeiro e levaren as súas accións á Bolsa de Moscova para se protexeren así de posíbeis sancións futuras e «proporcionaren seguranza económica ao país» (6).

A hipótese da autosuficiencia industrial, en absoluto descartábel, serviría para a Rusia completar a «viraxe asiática» que está a pór en andamento coa Unión Euroasiática… e co reforzamento da súa alianza estratéxica coa China e cos BRICS.

O fin de Occidente: o acordo ruso-chinés e os BRICS

Porque este é a outra componente do taboleiro ucraniano: malia as alucinacións occidentais sobre a existencia dun malestar en Beixín polo movemento de Moscova e malia poren como «exemplo» a súa abstención na ONU — por esta regra de tres tamén habería que falar de malestar de Israel cos EUA cando se abstivo na votación da Asemblea Xeral que rexeitou o referendo de autodeterminación da Crimea — a China está coa Rusia.

É só lermos o que publican xornais como Diario do Pobo, o órgao de expresión do Comité Central do Partido Comunista: «as teorías políticas, económicas e de seguranza da Guerra Fría aínda inflúen moita xente no seu conceito do mundo, e algúns occidentais continúan imbuídos dese resentimento face á Rusia» (7). Ou a axencia estatal Xinhua: «a Rusia pode non continuar interesada en concorrer con Occidente pola hexemonía global, mais cando isto se refere á limpeza do caos que Occidente ten criado no seu quintal traseiro, os líderes rusos demostran máis unha vez a súa credibilidade na proposta e execución de accións eficaces para o contrarrestar» (8). Hai dúbidas, aínda? Pois a coincidencia de criterios dos ministros dos Negocios Estranxeiros entre ambos os países, Sergei Lavrov e Wang Yi e total a respeito da Ucraína (9). Entre outras cousas, porque tamén a China debe enfrentar unha mentalidade de “guerra fría” como aconteceu cando en xullo do pasado ano ampliou a súa Zona de Identificación da Defesa Aérea no Mar da China Meridional, o que foi rexeitado polos seus EUA e os seus aliados, como o Xapón. E, por se todo fose pouco, aquí está o esclarecedor artigo dun xeneral, Yang Yucai, integrante do Grupo de Estudos de Crise do Exército Popular de Liberación: «a alta eficiencia da Administración Putin na xestión da crise rexional é impresionante; esta alta eficiencia deriva dunha institución de seguranza unida, dun alto grau de planificación estratéxica e dunha sólida base xurídica [en referencia á defesa do direito internacional]. A China debe tirar as súas conclusións ao respeito» (10).

Moi atrás fican as críticas que a China realizou á Rusia pola guerra na Xeórxia (2008), porque a China sempre insistiu na non inxerencia nos asuntos internos. Porque nada na situación actual da Ucraína garante á China que o goberno filofascista que se ten instalado en Kiev cumpra os acordos asinados en decembro de 2013 con Yanukovich polos que ambos países se convertían en «socios estratéxicos» garantindo o investimento chinés en áreas como infraestruturas, aviación, industria aeroespacial, enerxía, agricultura e finanzas por un importe de 30.000 millóns de dólares. Os chineses teñen moi presente o que aconteceu na Libia (2011), onde os acordos que tiñan asinados con Gaddafi foran «suspendidos» — e até agora non recuperados — polo goberno títere imposto por Occidente. Ademais, a China está desexosa de aumentar a súa cooperación enerxética coa Rusia. O comercio entre os dous países non fixo outra cousa que crecer desde 2011, de forma que en 2020 irá atinxir os 200.000 millóns de euros (11) cun dato significativo: rusos e chineses veñen xa pondo acima da mesa a posibilidade de que este acordo non teña por que se realizar con base no dólar, e hai datos concretos da utilización das súas proprias moedas (rublo e yuan) nestes tratos.

Un aspecto importante desta cooperación fai referencia ao subministro de petróleo e gás. Rúsia encontra un consumidor ávido de ambos os produtos na China, nun plano moi superior ao que ambos os países teñen agora, como xa se dixo anteriormente e que se irá confirmar na visita de Putin a Beixín en maio. E á inversa. Antecipándose á pretensa retirada de capital europeo e estadounidense da Rusia se a situación na Ucraína for a máis, os chineses ven o ceo aberto para os seus investimentos: «criarase un vacío que debe ser preenchido porque a Rusia necesita investimentos foráneos; todo isto abre oportunidades para os investidores chineses» (12). Veremos como na visita de Putin estes factores aparecen nun primeiro plano.

Mais, malia ser importante esta alianza, polo facto de pór fin á supremacía occidental, non o é menos por reforzar como nunca o eixo BRICS, do que a Rusia e a China son os principais motores. O enfado dos BRICS perante a falta de interese de Occidente en ir alén das palabras — en 2010 acordouse reformar o sistema de cuotas do FMI de acordo co maior papel económico dos BRICS, con capital de 50.000 millóns de dólares, e será en xuño, após o mundial de futebol de Brasil, cando na cimeira que se ha celebrar no país se veña dar máis un paso reforzando este banco e ampliando a outros países o seu ámbito de intervención. Ao mesmo tempo, na última reunión do FMI (11 de abril), os BRICS non só criticaron o estancamento da reforma das cuotas que impón Occidente, senón que tamén deron un ultimatum para a súa reforma coa ameaza, tamén, de poren en funcionamento unha «alternativa ao vello sistema», da xa se ten dado o primeiro paso: un fundo de reservas proprio no que o dólar desaparece e o euro perde presenza en favor das moedas nacionais dos BRICS, ao tempo que se aposta pola internacionalización da moeda chinesa, o renminbi (yuan).

O fin dunha era

Gramsci dixo hai 100 anos que a crise se produce cando o vello non termina de morrer e o novo non termina de nacer. Niso estamos. A postura da Rusia na Siria e agora na Ucraína é un claro desafío á prepotencia hexemónica estadounidense, aínda que neste último país se estea a defender do «castigo» que pretendían impor os EUA por ter ousado desafiar a súa hexemonía para a substituír por un sistema multipolar — que non é o mesmo que «multilateral» — onde o direito internacional sexa respeitado. É claro que non vai haber unha volta atrás na vella orde mundial e que esta é unha das razóns polas que os filofascistas de Kiev e os seus patróns occidentais aceitaron ir á mesa de negociacións coa Rusia.

Asistimos ao nacemento dunha nova era onde se cuestiona — cando non se rexeita — o paradigma occidental envolto en valores que apenas serve a unha minoría pequena, arrogante e capitalista tal e como hoxe se entende a globalización neoliberal. Os EUA saben que xa non teñen o poder que tiñan e deféndense como unha fera ferida, o que os torna moito máis perigosos. Por iso non sería estraño que dentro de pouco asistísemos a un contra-ataque contra a Rusia que non irá ser na Siria — onde os «contrasX poden estar a receber material sofisticado, e onde é moi significativo ver as páxinas web dos neonazis ucraínos a «irmandar» as súas «loitas» na Siria e na Ucraína — nen na Ucraína — un país que non é país, na falencia e desestruturado — senón na retagarda rusa da Asia Central. Os EUA teñen que deixar este verán a base de Manas no Quirguistán e a Rusia xa ten tomado posicións naquel aeroportor conxuntamente cun substancioso acordo comercial asinado co país ex-soviético. Outras antigas repúblicas da URSS están a ollar con moita atención o que ocorre na Ucraína, e os EUA sábeno, como xa indicaba a DSN de 2012.

Portanto, será aquí onde os EUA tenten responder á Rusia. Máis en concreto, no Turcomenistán. Neste país xa se veñen producindo curiosos ataques provenientes do Afeganistán e non deberá sorprender que se incrementen nos próximos meses escuros episodios de violencia que serán empregados para que o goberno turcomeno, formalmente neutral, se vexa desestabilizado e teña que optar entre os EUA — que xa ten ofrecido a súa colaboración militar para «combater os terroristas afegáns» — e a Rusia.

O novo mapa xeopolítico está a gañar forma; a nova orde, tamén. Non vai ser un proceso fácil nen tranquilo, mais, polo momento, a Rusia e a China teñen nas súas mans as principais cartas da baralla e están a xogar ben. Tanto que xornais como o International New York Times (nome actual do International Herald Tribune) se ven obrigados a editorializar sobre a crise da Ucraína facendo un chamado á clase política estadounidense sobre «os erros» cometidos polos EUA e a UE no espazo pós-soviético, e non só na Ucraína, no que ten a ver co isolamento e o cerco á Rusia: «Os EUA e a UE actuaron alegremente sen teren presente as consecuencias dos seus actos» — di textualmente, para terminar dicindo que — «na Ucraína estamos a viver unha crise da vella orde que exixe novas formas de pensar, novas precaucións, unha nova comprensión dos profundos desafíos deste interregno histórico». Porque, no caso contrario e após recoñecer que «a influencia [dos EUA] no estranxeiro continúa a diminuír», chegamos a unha situación en que «asistimos ao desmoroamento do status quo», en referencia ao predominio dos EUA, que o xornal estadounidense identifica cunha «desorde internacional sen precedentes desde 1930». (13)

Os EUA e a UE cada vez teñen menos a dicer na escena xeopolítica. Continuan a ser actores importantes, mais xa non son cruciais. Agora hai outros que están, cando menos, no seu mesmo nível — se non xa por cima. Talvez sexa unha simples anecdota, mais unha mostra de que efectivamente asistimos a un novo tempo acábaa de fornecer o Movemento Nacional para a Liberación do Azawad, a organización tuaregue a norte de Malí, ao solicitar o apoio da Rusia ao seu estado, proclamado o 6 de abril de 2012, e que está a ser combatido polo goberno de Mali — formalmente hai unha tregua desde xuño de 2013 — co apoio da Franza.

Notas (1) Alberto Cruz, “La nueva estrategia de defensa de EEUU: el último intento por mantener el dominio mundial”, http://www.nodo50.org/ceprid/spip.php?article1355

(2) RBC Daily, 7 de abril de 2014.

(3) Ibid.

(4) Novosti, 28 de abril de 2014.

(5) Irán ten posto unha demanda millonaria contra a Rusia por incumprimento de contrato. A Rusia sabe que perderá o xuízo e está a negociar a entrega a Irán de outros míseis de capacidade similar, como os Tor, aínda que Irán rexeita esa troca insistindo nos S-300. Coa crise da Ucraína tense volto a falar dun acordo Rusia-Irán sobre o tema, sen especificar en que consistiría aínda que se di que iría incluír a compra de petróleo iraniano malia as sancións, así como a construción de mini-refinarías ou a explotación de xacementos de gás en territorio iraniano.

(6) Bloomberg, 9 de abril de 2014.

(7) Diario do Pobo, 26 de febreiro de 2014.

(8) Xinhua, 8 de marzo de 2014.

(9) Efe, 3 de marzo de 2014.

(10) Global Times, 22 de abril de 2014.

(11) Alberto Cruz, “La cooperación entre Rusia y China: el nuevo enfoque geoestratégico que pone fin al poder de Occidente” http://www.nodo50.org/ceprid/spip.php?article1291

(12) Diario do Pobo, 13 de marzo de 2014.

(13) Internacional New York Times, 16 de abril de 2014.


Portada del sitio | Contacto | Mapa del sitio | Espacio privado | Estadísticas de visitas | visitas: 3491985

Seguir la vida del sitio es  Seguir la vida del sitio Territorios (Gal)  Seguir la vida del sitio Internacional   ?

Sitio desarrollado con SPIP 1.9.2p + ALTERNATIVES

Creative Commons License