ESQUERDA  E  ESPERANTO
SATeH
MALDEKSTRO  KAJ  ESPERANTO

O  NOSO  OBXECTIVO

Vivimos nun mundo no que as barreiras xeográficas e comunicativas evapóranse rapidamente. Xa non existen dificultades para que persoas separadas milleiros de quilómetros poidan comunicarse entre si, e poñer en común as súas ideas, opinións e sentimentos. Pero para que todo o mundo teña acceso a todo tipo de información cómpre que todos poidan emiti-los seus mensaxes e que todos poidan comprende-los. Só hai duas dificultades: a “renda” e a “lingua”. Ámbolos dous inconvintes son o obxecto de atención da nosa organización.

A barreira do idioma

Para os que non nos conformamos coas fronteiras nacionais, a necesidade de superación das barreiras lingüísticas é evidente. Non é posible a comunicación e, sobre todo, a colaboración entre os pobos cando non se comparte a linguaxe. Algúns confórmanse coa emprega dun idioma dos oficiais nun país concreto, e máis cando éste é un dos estados poderosos do noso planeta. Hoxe o inglés acadou unha considerable extensión, e moitos considérano coma a nova “lingua franca”.

Pero un único idioma nacional nunca pode se-lo instrumento adecuado cando tentamos que a comunicación se dea nun plano de igualdade. Ante un falante nativo do idioma os demais atoparanse sempre nun plano inferior; a igualdade non é posible. Pero ademais a preponderancia do idioma da superpotencia mundial axuda á hexemonía dun poder superior, que xunto co idioma impón a súa cultura, os seus puntos de vista e o seu propio tipo de comunicación.

É máis, a industria da comunicación e do espectáculo convertéronse nun potente sector económico, polo que non é de extrañar que as grandes potencias adiquen importantes cantidades de orzamento á promoción dos seus idiomas e as súas culturas.

Outro tipo de solución

Fronte á imposición dunha lingua nacional, existe xa outra solución: un idioma internacional e neutral, que sitúa aos falantes en condicións de igualdade. Ese idioma xa existe, e ten demostrado a súa capacidade para expresar calquera tipo de idea ou sentimento, sen que ninguén teña que facer un esforzo desmedido, e sempre en condicións de estricta neutralidade. Estamos a falar do esperanto.

O esperanto é un idioma planificado, que non pertence a ningunha cultura concreta, senón que pode ser empregado en condicións de igualdade por tódalas persoas. Ademais, pola súa grande facilidade está especialmente indicado para tódalas capas sociais e tódolos ámbitos culturais. O esperanto funciona. É falado por unha colectividade moi ampla de persoas en tódolos continentes, e ten demostrado ser capaz de transmitir todo tipo de mensaxes, coñecementos sentimentos por riba das barreiras idiomáticas.

Os falantes de esperanto constituimos un colectivo moi plural, cunha grande variedade de procedencias sociais e opinións políticas. Pero no colectivo que agora se presenta vaise máis alá da simple utilización dun idioma internacional.

SAT

Desde pouco despois do nacemento do idioma, fíxose evidente que éste podía ser empregado cun grande aproveitamento para os fins de liberación da clase traballadora e as clases populares, dentro do que denominouse tradicionalmente o internacionalismo proletario e axiña se formaron asociacións obreiras que empregaban o esperanto para os seus fins.

No 1921 creouse unha organización para agrupar aos traballadores que querían emprega-lo esperanto ao servicio da loita da súa clase social. A denominación elixida foi a de “Sennacieca Asocio Tutmonda” (SAT); o nome traduciuse de diferentes xeitos ao galego; “tutmonda” quere dicir mundial, mentres que “sennacieca” poderíase traducir coma “anacional”, e fai referencia ao feito de que a asociación non emprega coma base da súa estructura a referencia nacional.

SAT adoita ser considerada coma a segunda organización máis importante do movemento esperantista organizado, e a primeira cun obxectivo que vai máis alá da difusión do idioma. Está estendida por tódolos continentes.

Un rasgo moi importante da SAT é o seu “pluralismo” con respecto ás tendencias que agrupan ao movemento obreiro e progresista. Así, SAT permite a existencia no seu seno de correntes organizadas (fraccións) de socialistas, comunistas, anarquistas, ecoloxistas, etc.

Esquerda e esperanto

O carácter non nacional da SAT permite a súa coexistencia con outras organizacións de traballadores esperantistas organizadas a niveis máis reducidos, algúns dos cales empregan coma base o estado ou a área lingüística. Son as denominadas asociacións de traballadores esperantistas.

No ámbito do estado español creouse a Asociación Esquerda e Esperanto – SATeH (SAT-en-Hispanio). A asociación ten coma finalidade desenrolar os principios e obxectivos de SAT no ámbito español.

Os seus principais obxectivos son empregar de forma práctica o idioma internacional esperanto para os obxectivos da clase traballadora mundial e difundir e instruir no idioma internacional esperanto en tódolos medios políticos avanzados; sen atender ás súas tendencias políticas de partido e considerando unicamente a súa inclinación ás ideas democráticas e progresistas.

Mantén a súa apertura a tódalas correntes progresistas do país e ten membros en todo o territorio estatal.

Para nos coñecer mellor, contacta con nós:

Asociación Esquerda e Esperanto – SATeH (SAT en Hispanio)
Apartado de Correos 8537
28080 – Madrid

Traducción: Héctor Gómez “Aturuxo”

En castelán
En catalán
En asturiano.