Xarxa Feminista PV
Portada del sitio > CIENCIA, CULTURA, TECNOLOGÍA, OBITUARIO > A cultura galega celebra a Xela Arias, poeta do desequilibrio

A cultura galega celebra a Xela Arias, poeta do desequilibrio

Martes 18 de mayo de 2021

Autora dunha obra nocturna e influída polo rock, en que a linguaxe é tensada até bater cos límites, pero tamén pioneira na exploración poética da maternidade, a escritora é a quinta muller distinguida no Día das Letras Galegas

Daniel Salgado 16 de mayo de 2021 elDiario.es

Foi unha voz insular, rebelde. Partidaria de escordar a sintaxe. Autoconsciente, feminista e destemida. Contraria aos usos e costumes da poesía do seu tempo. Por veces ao bordo do hermético, por veces confesional. Xela Arias publicou catro libros de poemas que, entre 1986 e o ano da súa morte, configuraron un territorio con lei de seu e non poucas e fulgurantes intuicións. “Intempestiva / serse intempestiva. / E domea-la furia á procura / da froita / madura”, dicía o penúltimo texto da súa derradeira obra, Intempériome (2003). A Real Academia Galega dedica este Día das Letras Galegas a celebrar a súa memoria.

A quinta muller homenaxeada polo 17 de maio nacera en Sarria -unha vila do interior de Galicia- aínda que desde os sete anos residiu e traballou en Vigo. Alí morreu dun ataque ao corazón en 2003. Desa cidade fixo medio ambiente da súa escrita, nocturna e cun aire a Manuel Antonio sobre todo na súa estrea, Denuncia do equilibrio (1986). “pois hai cousas das que só a noite entende / verbos consagrados á ignorancia do control”, consignaba. “No inicio, os seus poemas trenzan imaxes case surrealistas, urbanas, que logo vai depurando”, explica Montse Pena Presas (Sada, 1981), autora de Intempestiva (Galaxia, 2021), unha biografía literaria da poeta.

“Se algo se pode aprender dela é a vontade de procurar o propio camiño”, acerta a sintetizar Pena Presas. Cando debuta en forma de libro -antes amosara os seus poemas en xornais e revistas-, empurrada polo editor Luís Mariño, Xela Arias gañaba o salario en Edicións Xerais, empresa chave para a estruturación da industria cultural galega na autonomía. Ao tempo, investigaba nos cruzamentos entre disciplinas artíticas. “Isto que agora é algo case banal, non o era naquela época”, engade a biógrafa. Letras en castelán para Desertores, grupo vigués de rhythm & blues e ecos new wave, ou o proxecto Tigres coma cabalos (1990) son resultado das súas pescudas.

JPEG - 31.6 KB
De esquerda a dereita, Xosé García Crego, Celia Torres e a poeta Xela Arias nas dependencias de Edicións Xerais en 1989. Arquivo Xerais

Vinte e catro fotografías de Xulio Gil, que protagoniza en boa parte a poeta, e 24 poemas de Arias compoñen ese, o seu segundo libro. “Tivo sobre todo moita coraxe. Por exemplo, nas posicións que mantivo a respecto doutras artes como a fotografía, que provocaron o desequilibrio. Ía contra esa idea de que a literatura debe producir harmonía. No canto de bálsamo, desequilibrio”, argumenta Manuel Rivas (A Coruña, 1957), case un compañeiro de xeración dunha autora que refugaba explicitamente adscricións e etiquetas. “Teño unha man que esgarra e súa as paredes dos retretes, / sentencia nos faiados dunha idea, nas túas propias mans, os meus ollos / ou na velocidade da estrea dun silencio”, escribe en Desmán.

Antes Enemigos que o lector galego de máis de 30 anos

A desubicación xeracional de Xela Arias era tamén buscada. A súa obra comeza a se facer pública cando os modos dominantes na poesía galega -dominantes porque acaparaban premios e edicións- transitaban outras prácticas. O denominado culturalismo vingábase da poesía social hexemónica nas dúas décadas anteriores. Ela non. “Foxe da retórica poética do parnasianismo, do veneciano. Como Lois Pereiro, é xente que está fodendo co futuro”, di Rivas nun arremedo de Patti Smith, a cantante punk estadounidense. A cita non é casual. O rock e a súa poética en orixe escura, marxinal, marca a lume a Xela Arias.

“A súa figura iconoclasta, atractiva, de poeta que se forxou a si mesma a pesar do machismo do mundo literario”, sostén Montse Pena Presas, “une a poesía galega coa máis absoluta contemporaneidade”. Coloca dous exemplos, un “máis superficial” e outro “máis profundo”: a chupa de coiro e a conexión co rock, “para ela ás veces máis importante que a poesía, segundo declarou”. En 1988 explicítao na conferencia Paixón de militancia e escuros desertores, cuxos fragmentos recolle María Xesús Nogueira na escolma De certo, a vida ía en serio (Chan da Pólvora, 2021): “E un pode escribir en galego e estar máis cerca do imposible lector madrileño degustador de Enemigos que do posible lector galego maior de trinta anos”.

Na mesma intervención, Arias amosa disconformidade cos seus coetáneos. “A maior parte da poesía que se escribe é maiormente reaccionaria, reaccionaria por conformista”, di. Dous anos máis tarde, nunha entrevista aclara o que ela considera auténticos elementos xeracionais: o paro e a droga. A súa atención ao corpo e á ruptura violenta da linguaxe, a súa maneira oblicua de encarnar as tensións que a rodean, convértena, di Ana Romaní no ensaio Déclarome inconforme (web da Real Academia Galega, 2021), en escritora “de difícil adscrición na cartografía poética das últimas décadas do século XX”. Tan difícil que o seu terceiro libro titularase Darío a diario (1996) e será unha daquela inaudita nas letras galegas exploración da maternidade.

“Imos, meu ben, camiñar sereno / pola cidade sen ramplas nas aceras. Imos / comezar o xeito da túa vida, e mírame, / mesmo as bolsas dos meus ollos serán monecos / dos teus días xunta a min”, expón o poema que abre un volume que, a dicir de Pena Presas, “talvez non foi ben entendido no seu tempo”. As maternidades non facían parte do discurso, nin da discusión, público, e Darío a diario irrompía, si, intempestivo. É sen dúbida o seu libro de liña clara. A experimentación lingüística cede e a necesidade de “poñer en orde as ideas preconcibidas que tiña sobre o tema” imponse, afirma María Xesús Nogueira.

A pegada nas que escribirón despois

A poeta e novelista Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) tiña apenas nove anos cando a obra sobre Darío chegou ás librarías. Descubriuno, obviamente, máis tarde. “Configura un imaxinario sobre o que significa ser fillo e ser nai, ou sobre ser escritora e ser nai e escribir sobre iso”, sinala, “que non ten que ver co sufrimento nin coa posesión. A maternidade sempre a contaban os fillos, ou mesmo os pais. Ela rachou con iso. Detrás viñeron outros libros, como Oso, mama, si? (Xerais, 2015), de María Lado que tamén me gustan, por suposto”. Ou Mamá Pelícano (Espiral Maior, 2020), de Alicia Fernández.

“Busco o modo de te acompañar sen estorbo / que sexas feliz ó meu carón feliz e creador / de ti, / de ti e mailo mundo que apañes”. Dávila prologa a reedición de Darío a diario que Xerais vén de publicar, como fixo co resto de títulos e antes, en 2018, coa Poesía reunida (1982-2004), a cargo de María Xesús Nogueira. Foi xustamente esta recuperación da súa escrita a que corcoseu unha fenda de anos, a que mantivo os seus libros fóra de catálogo durante longas tempadas. Coa excepción talvez de Intempériome (2003), o derradeiro, “rotundo e lúcido libro negro”, en palabras de Ana Romaní.

“Era complicado facerse con eles. Eu lin primeiro Intempériome grazas a unha profesora do instituto. Sentinme superada, non me sentín cómoda”, relata Dávila, quen enganchou coa súa obra na biblioteca da Facultade de Filoloxía, tempo despois. Ela mesma comezaba a escribir coa idea de publicar e a “sensación de proxecto unitario” da poesía de Xela Arias axudoulle. “Non foi unha poeta ocasional”, di, “tampouco tiña a ver co que se fixo antes nin co que se fixo despois”. De novo a poeta excéntrica, desubicada, singular. Mesmo desconcertante, asegura Manuel Rivas.

Pero foi a ausencia editorial, subsanada coa Poesía reunida de 2018 e agora coas iniciativas múltiples que desencadea o Día das Letras, a que dificultou a súa influencia entre as promocións posteriores. Polo menos de maneira directa. A poeta Arancha Nogueira (Ourense, 1989) matízao. “Diría que non influíu e que si influíu. Eu cheguei a ela por Denuncia do equilibrio, que atopei na biblioteca da facultade. Non eran libros que estivesen a man”, conta, “logo coñecina máis en profundidade cando A Sega [asociación de crítica literaria feminista] lle dedicou o Día das Galegas nas Letras en 2019. Aínda así, creo que sen Xela Arias non existirían unha Silvia Penas, unha Yolanda Castaño ou outras autoras que si nos marcaron de forma directa. Elas non terían atravesados eses terreos de non ser por Arias".

Bram Stoker, Baudelaire, Angela Carter

Nogueira salienta ademais outra das vertentes da literatura de Arias, a da tradución. "En realidade, eu si que a lera, porque lera a Roald Dahl grazas a ela", di. Por escolla ou por encargo, do inglés ou do francés, en solitario ou en colaboración, non foron poucas as obras que anosou ao galego. “Esa preocupación por crear unha xenealoxía para a literatura galega chámame a atención. Era unha figura underground, punk tipo Lois Pereiro, pero quería que o seu traballo tivese repercusión e chegase aos receptores”, comenta a poeta. O Drácula de Bram Stoker, o Spleen de París de Baudelaire ou a Venus negra de Angela Carter coñeceron da súa man versión galega. Tamén servirían para triangular unha acaída poética aproximada de Arias: o nocturno e certa sensualidade opaca, a flanêur urbana, a subversión do feminino. Como as tres rebeldías que a conformaron, mencionadas por Manuel Rivas en evocación da poeta catalá Maria Merce Marçal, “nacer muller, de clase baixa e de nación oprimida”.

A propia Xela Arias referíase á súa condición nunha entrevista de 1990 con, precisamente, Rivas: “Dáme rabia ter que dicir que son feminista. Pásame igual que co nacionalismo. Deixarei de ser unha cousa ou outra cando as nacións soxulgadas non o sexan e as mulleres discriminadas non o estean”. Era a escritora de “discurso xenuíno” que describe Berta Dávila. “Sei que é unha maneira naíf de dicilo, pero no simple moitas veces hai verdade. A súa maneira auténtica de dicir as cousas transcende”, expón. A poeta que non renunciaba a un universo simbólico propio e complexo, a dicir de Arancha Nogueira. A que inscribiu en Intempériome, o seu libro final, o poema como comunicación incerta e pelexa contra a implacabilidade do tempo: “Vide. / Convídovos ó espectáculo de non ser para ser de todo. / Vide que vos convido / a vos ver. / Ven que te reto / a tever a ti desde ti en ti”.

JPEG - 20.1 KB
A poeta Xela Arias en 2003. Lois Arias (Arquivo Xerais)

Comentar esta breve

SPIP | esqueleto | | Mapa del sitio | Seguir la vida del sitio RSS 2.0