marea negra: arma de destrucción masiva del capitalismo Efectos económicos de la marea negra del Prestige Efeitos económicos da maré negra do Prestige
Maria do Carme Garcia Negro
Xoán Ramón Doldán Garcia

Directores do Equipo de Investigación de Economia Pesqueira e Recursos Naturais
Departamento de Economia Aplicada
Universidade de Santiago de Compostela

O mércores, 13 de Novembro de 2002, o petroleiro "Prestige", cargado con 77.000 t de fuel-oil, lanzou unha mensaxe de auxílio no Cabo Fisterra (Galiza-España). Comezou asi un dantesco arrastre que acabaria co afundimento do barco perto das Illas Cies o 20 de Novembro e provocando unha situación catastrófica desde o punto de vista ambiental e económico. A dia de hoxe estamos imersos no decorrer dos feitos, ante o que semella ser só unha primeira fase da maré negra. A situación actual poderia agravar-se se a maré negra se extende á Ria de Arousa ou a máis zonas da costa galega. Seria precipitado axustar demasiado en canto á magnitude dos efeitos económicos; non obstante e, por desgrácia, o coñecimento prévio de catástrofes similares nas costas galegas ("Polycommander" en 1970, "Urquiola" en 1976, "Andros Patria" en 1978, "Aegean Sea" en 1992, e outras) permite-nos avanzar o que sen nengunha dúbida serán algúns deses efeitos.
A maré negra do Prestige está afectando a zonas de importantísimo valor ecolóxico, a maior parte delas zonas protexidas e catalogadas polo seu interese meioambiental, paisaxístico e faunístico. A Costa da Morte, o complexo húmido de Corrubedo e de Baldaio, a desembocadura do río Anllóns, a lagoa de Traba son só algúns exemplos das zonas afectadas, todas elas entre as áreas ornitolóxicas máis ricas de Europa. Tamén están afectadas as illas Sisargas e o cabo Vilán onde se atopan as últimas colónias de arao común (Uria aalge), cormorán moñudo (Phalacrocorax aristotelis), gaivota tridáctila (Rissa tridactyle), etc. A costa afectada posue, ademais, unha extraordinária riqueza en espécies de peixes, moluscos e crustáceos mariños (xurel, polbo, ameixas, mexillóns, percebes, centolas, nécoras, , etc, etc) de gran valor no mercado de consumo humano. Esta situación ve-se agravada polo feito de que, no caso do "Prestige", o até agora inombrábel derivado do petróleo, apresenta un alto nível de toxicidade, é de mui baixa calidade e posue unha capacidade contaminante enorme pola preséncia de benceno, xofre e tolueno, coas consecuéncias que se podan derivar a meio e longo prazo sobre a saúde da povoación.

Por suposto, o evidente e gravísimo impacto biolóxico e ecolóxico non pode separar-se do impacto económico, que perdurará muito tempo. Cómpre lembrar que en Decembro de 2002 cumpren-se dez anos do embarrancamento e maré negra do "Aegean Sea", que afectou á costa coruñesa de Sisargas a Ponta Langosteira e cuxos efeitos económicos ainda non desapareceron totalmente. Esta zona está novamente afectada, ampliando-se os efeitos até hoxe a máis de 400 quilómetros de costa, nunha zona onde a dependéncia económica da actividade pesqueira e marisqueira é altísima. A economia vai-se ver resentida alomenos mentres que non se produza o reequilíbrio ecolóxico e mesmo con posterioridade, e sabemos que tal reequilíbrio será só parcialmente posíbel e no longo prazo. Estamos pois, ante períodos de recuperación económica e meioambiental que superarán como mínimo os dez anos, e que mesmo nalgunhas espécies poden chegar aos 25 anos.

É preciso, por tanto, considerar tanto os efeitos económicos sobre as actividades produtivas ligadas directa ou indirectamente ao mar (bens e servizos de mercado), como os efeitos económicos sobre os bens e servizos que non son obxecto de explotación mercantil mais que son indispensábeis para a sustentabilidade económica e ecolóxica (bens e servizos de non mercado), como son o património natural e a perda da riqueza de ecosistemas únicos da Unión Europea no Atlántico Norte. Todos eles poden ser obxecto de valoración monetária, xa que teñen un valor económico de seu, máxime cando estamos a falar da inevitábel indemnización ás persoas afectadas que, neste caso, son tanto as que viven máis directamente do mar como a sociedade galega no seu conxunto. Non esquenzamos que estamos ante unha perda patrimonial que pertenze a todos os cidadáns deste país e que ten unhas características únicas no mundo. O desequilíbrio económico provocará desaxustes produtivos en todos os sectores por transmisión duns sectores a outros. É dicer, o primeiro gran impacto multiplicará-se a medida que, polo encadeamento produtivo, se desprace a todos os demáis sectores da economia.

Para entender mellor as implicacións económicas da catástrofe, cómpre analisar brevemente a importáncia do sector na economía galega. As persoas que traballan directamente na pesca extractiva galega son 41.600, delas 18.400 na província da Coruña, case todas afectadas neste momento pola maré negra; ademáis, 9.200 persoas traballan no marisqueo e 13.422 na acuicultura (estas cifras elevan-se a 119.874 persoas se incluimos emprego directo e indirecto, o 12,2% do emprego total galego). Algunhas localidades da zona afectada dependen case en exclusiva da pesca: Fisterra (47,2% das persoas ocupadas), Ribeira (39,9%), Malpica (32,4%), Camariñas (27,9%)... A frota galega é de 8.811 buques, dos que 6.000 son buques artesanais e máis de 2.000 adican-se tamén á pesca costeira que son as frotas máis afectadas pola catástrofe. A produción pesqueira galega supón arredor dun 40% da española, sendo a primeira rexión pesqueira de Europa.

Se atendemos ás repercusións económicas nos sectores que viven máis directamente do mar, a destrucción do meio mariño afectará ás actividades pesqueira, mariscadora e acuícola, pero tamén a outros sectores que viven e traballan directamente destas (redeiras, transportistas, manipuladores en porto, estaleiros, abastecedores de subministros, comercializadores...), ou ao resto da economia (hostelaria, comércio, sector imobiliário, turismo...). O menor poder adquisitivo dos pescadores e mariscadores necesariamente suporá un problema gravísimo para toda esta zona, empiorando o que xa viña sendo unha situación de declive económico e demográfico (hai que lembrar que grande parte da emigración galega ao exterior procede precisamente destes lugares). Efeitos que serán máis graves nas zonas afectadas pero que se deixarán notar tamén no resto de Galiza. A isto haberia que engadir a perda na calidade de vida, pola destrucción do ambiente e da paisaxe e incluso da própria cultura do povo galego, por estar ésta desde tempos imemoriais unida ao mar.

A paralización das actividades de pesca extractiva, marisqueo e acuicultura suporán unha perda imediata de ingresos (máis importante por se producir nunha época na que os prezos son sempre máis elevados). Pero as perdas en rendas para as persoas que viven directamente do mar non rematarán cando se levanten as restriccións para traballar nestas actividades. Os efeitos sobre o ambiente farán que a pesca extractiva vexa mermadas gravemente as capturas de certas espécies e que o desequilíbrio ecolóxico merme as capturas totais, con un resultado final no que haberá unha caída contínua do valor da produción pesqueira durante vários anos. Algo semellante ocurrirá co marisqueo, sobretodo nalgunhas espécies como o percebe polo seu carácter sedentário. Do mesmo modo, actividades como a produción de mexillón poderian ver-se gravemente afectadas xa que os períodos desde o cultivo até a recollida son dun mínimo de 18 meses, contados a partir do momento en que podan volver a traballar.

A zona afectada pola maré negra do Prestige é, sen dúbida, ademais, dun enorme atractivo turístico. A Costa da Morte, o litoral e as rias galegas son lugares de referéncia turística pola sua paisaxe, entorno natural, e peculiaridades etnográficas, razón pola cual se pretendia converter nun activo económico máis para os habitantes da zona. Ademáis, o carácter simbólico de Fisterra como Finisterrae europeu, ou como lugar de remate do camiño de Santiago, son elementos dun especial atractivo turístico. O desprazamento de persoas cara esta zonas por períodos máis ou menos prolongados, verá-se interrumpido en grande medida, en función das agresións que o mar e o ambiente natural sofran. Haberia que ir ainda máis lonxe, xa que esta afectación acabará por implicar non só ás zonas afectadas senón tamén á marca turística de Galiza e á alta calidade dos produtos galegos.

A interrupción nos movimentos turísticos provocará unha caída no consumo de produtos nestas zonas, sen que os provedores podan compensa-la con vendas noutros lugares, xa que muitos destes produtos están ligados á actividade turística ou son dificilmente mobilizábeis para outro lugar. É o caso dos produtos pesqueiros e marisqueiros que se consumen localmente e que en certa época do ano, ante unha maior demanda pola afluéncia dos turistas, poden elevar os prezos. Os pescadores de baixura e mariscadores terán asi menos poder adquisitivo, o que repercutirá entre outras cousas no comércio e na venda de imóbeis (que tamén se verán afectados pola menor afluéncia turística). Do mesmo xeito, a hostelaria local verá diminuir a sua actividade.

Nesta altura, e á espera de como se desenvolvan os acontecimentos, a catástrofe xa ten alcanzado dimensións xigantescas, de feito, a maioria dos meios de comunicación internacionais xa a situan, por gravidade, por riba da maré negra acontecida en 1989 en Alaska co "Exxon Valdez". Naquel momento (hai 13 anos) o dano valorou-se no equivalente a 2.800 millóns de euros, chegando a superar os pagamentos entre indemnizacións, multas e traballos de limpeza os 3.000 millóns de euros. A nosa tráxica experiencia en catástrofes anteriores, alonxanos moito destas cifras, a indemnización pola maré negra de 80.000 t de petróleo provocada polo buque grego "Aegen Sea" (propriedade do mesmo armador que o "Prestige") na baía da Coruña (Galicia) en 1992 foi de tan só 63 millóns de euros, indemnización que os afectados ainda non percibiron na sua totalidade.

Temos a responsabilidade de esclarecer ao máximo os efeitos económicos e ambientais desta catástrofe co fin de obrigar aos responsábeis a aliviar as perdas irreparábeis. Debe evitar-se, dunha vez por todas, que unha catástrofe destas características sexa tratada e valorada de forma distinta dependendo da importáncia económica do país que a sofre. Pola sua dimensión, esta é unha catastrofe ecolóxica mundial e así debe tratar-se. A ignoráncia dos feitos e o silencio, é cumplice. Pedimos a colaboración de todo o mundo para que isto non volva suceder NUNCA MÁIS.