O Partido Comunista



Descarga

rtf
pdf


En relación co segundo problema estratéxico da liña proletaria, a cuestión do Partido Comunista, a experiencia do PCP, en cambio, si achega, ao noso entender, varios deses elementos novidosos que poden ser considerados plenamente vixentes. En xeral, as dúas leccións válidas, de inapreciable valor, que extraemos desa experiencia consisten en que, por un lado, é preciso considerar ao Partido Comunista como resultado da fusión da vangarda co movemento de masas, e que, por outro, tratase dun proceso político de construción consciente que parte da vangarda e que non se reduce a ela. Noutras palabras, o Partido Comunista é a expresión política dunha relación obxectiva da vangarda revolucionaria coas masas que se plasma nun movemento consciente e independente, tanto das clases inimigas coma do movemento espontáneo das clases amigas. É preciso subliñar a importancia desta visión na súa dimensión histórica.

O proletariado nace como clase a través da unión das súas loitas económicas ao longo do século XIX. Trátase dunha fase de crecemento cuantitativo e de acumulación de forzas onde o aspecto principal recae na organización de masas e o carácter da loita de clases sometese aos imperativos da loita de resistencia e da defensa das condicións de existencia da clase obreira como tal clase. O reflexo político desta etapa é o partido obreiro de masas, o partido de vello tipo, que expresa os intereses inmediatos do proletariado e a súa conciencia como clase económica (en si) a través dunha liña política reformista. O seu prototipo foi o partido socialdemócrata da II Internacional. A crise deste modelo de partido obreiro puxérase de manifesto coa aparición do revisionismo entre as súas filas. A Primeira Guerra Mundial deulle a puntilla. A continuidade da loita revolucionaria do proletariado pasaba, entón, pola construción do movemento obreiro en torno a un partido de novo tipo. Entre 1902 e 1905, Lenin empregara os resultados da loita do marxismo contra o revisionismo para definir a natureza deste partido como fusión da vangarda coas masas ("fusión do socialismo científico co movemento obreiro", dicía no seu ¿Que facer? ), e o éxito do partido bolxevique, en boa medida, cifrouse en ter conseguido plasmar este novo modelo. Pero, lonxe de converterse no prototipo da III Internacional, en torno a esta fóronse constituíndo partidos de vangarda que obedeceron ao único requisito de ser reunión do sector máis avanzado da clase, do sector portador da conciencia revolucionaria (para si) do proletariado. Deste modo, o partido de novo tipo rematou configurándose como simple contrapunto do partido socialdemócrata, no sentido de que se neste o aspecto principal era situado no aspecto cuantitativo, de masas, da organización obreira, co partido comunista pasouse á organización do factor cualitativo, consciente, do factor de dirección revolucionaria do movemento obreiro. O antagonismo entre partido socialdemócrata e partido comunista escenificaba a contradición entre as masas e a vangarda e a incapacidade para achar entre elas a síntese proposta por Lenin que presidiu a historia do movemento obreiro durante case todo o século XX. Sen ningunha dúbida, esta longa etapa de oposición entre dous modelos organizativos, cada un dos cales poñía dogmaticamente o acento en cada un dos dous aspectos que conforman a unidade dialéctica do verdadeiro partido de novo tipo leninista (vangarda e masas), foi unha etapa necesaria no proceso de maduración do proletariado como clase revolucionaria. Si historicamente foi importante a autoafirmación do proletariado como clase e a súa organización independente para a defensa e o recoñecemento dos seus intereses materiais dentro do capitalismo, igualmente importante, ou máis, foi a súa autonegación como clase explotada e a proclamación da súa vocación revolucionaria de superar e destruír o capitalismo. Pero estes dous momentos, aínda que etapas nunha mesma evolución, xorden e preséntanse como momentos separados e opostos entre si, e este antagonismo conformará o marco político en que se desenvolveu o movemento obreiro durante todo o Ciclo de Outubro. De feito, non resulta en absoluto casual que ambos os dous modelos do partido obreiro, cada un co seu punto de vista unilateral sobre a relación vangarda-masas, rematasen de igual xeito transformándose en partidos reformistas. E polo que respecta aos actuais destacamentos comunistas que perseguen a reconstitución do Partido Comunista, entre os que se encontran tamén os maoístas, é preciso sinalar que o seu erro de base consiste, precisamente, en que pretenden reproducir ese modelo, historicamente caduco, de partido como unidade da vangarda nunha soa organización, como unidade intersubxectiva no seo da vangarda (habitualmente denominada unidade dos comunistas ou dos maoístas, etc.) e non como unidade obxectiva entre vangarda e masas. Exactamente o mesmo erro de principio que reproduciu o PCE(r) na súa fundación, ao constituírse ou reconstituírse, unha vez máis, como partido de vangarda que "aspira a" dirixir os movementos de masas, pero independente e organicamente separado deles.

Pois ben, a importancia da experiencia do PCP reside en que, tomando directamente a testemuña do partido bolxevique, consegue reconstituírse como forma superior do partido obreiro, como verdadeiro partido de novo tipo leninista, dende a síntese das súas dúas formas ou modelos precedentes. O PCP non é a organización do movemento de masas, nin a organización da vangarda revolucionaria a secas, que logo trata de converterse en vangarda efectiva das masas, senón as dúas cousas á vez: o PCP consegue ser o movemento revolucionario organizado dende a teoría de vangarda. A orixinalidade deste modelo novo modelo que debe servir para a reconstitución de todos os partidos comunistas como punto de arranque do próximo ciclo revolucionario plásmase no método de construción política, que consiste, en substancia, en que é a vangarda a que xera movemento a través da súa liña de masas. A vangarda non presupón o movemento de masas (espontáneo) como dado, senón que, no contexto das loitas de clases e da crise social, xera ela mesma movemento (consciente) a través dos seus vínculos de todo tipo coas masas. O Partido non existe sen eses vínculos xa establecidos; algo bastante distinto da concepción tradicional, que entendía que primeiro constituíase o Partido e, despois, este vinculábase coas masas. Esta vella visión foi superada polo PCP. A táctica de construción do movemento revolucionario de masas por parte dos maoístas peruanos repousaba no principio organizativo de desenvolver formas propias como o principal e penetrar todo tipo de organizacións, é dicir, descansaba no principio de que se constrúe dende arriba, de que a iniciativa da vangarda á hora de organizar ás masas é o principal, mentres que participar nas organizacións creadas espontaneamente polas masas ou por outras clases é complemento. No concreto, a liña de masas do PCP rematou articulándose sobre todo, a partir de 1973 arredor dos organismos xerados e as escolas populares (máis a coordinación metropolitana nas cidades). A experiencia deste partido rompe taxativamente con esa especie de axioma, de profundas raíces no noso movemento e que comparte aínda a maioría dos destacamentos de vangarda, incluíndo ao PCE(r), segundo o cal a base de todo movemento revolucionario debe ser obra da espontaneidade das masas, que o labor da vangarda, xa constituída en Partido Comunista, consiste só en colonizar ese movemento de masas, consiste en "aspirar a" dirixilo, e que toda expresión organizada de loita das masas nace co estigma da revolución. O PCP, fiel ao leninismo, demostra que as organizacións de masas só son revolucionarias se son organizacións do Partido. Así, o movemento revolucionario de masas non é independente nin está separado do Partido, senón que é o Partido mesmo; e que non se debe comprender como se fixo case sempre por este concepto político outra cousa que o reduza á súa dimensión organizativa (ou sexa, o Partido non é organización de revolucionarios, senón movemento revolucionario organizado). Finalmente, continuando coa experiencia do PCP, cando o Partido Comunista entra na fase de Guerra Popular, pasan a ser a guerrilla e despois o Exército, a organización armada en suma, o principal instrumento da liña de masas do Partido.


Movimiento Anti-Imperialista
Julio 2007