Carta da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil a Alberto Nuñez Feijoo (Presidente da Xunta de Galicia)

FRANCISCO VILLAMIL CARTA A ALBERTO NUNHEZ FEIJOO

Alberto Núñez Feijoo,

Presidente de Galiza

Compostela

19 de marzo de 2020

Señor Presidente:

Dende a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil pedimos a súa intervención para que recomende á dirección do Servizo Galego de Saúde a compra e administración discrecional do medicamento Interferón Alfa2B Humano Recombinante, creado en Cuba nos primeiros 80 a partir dunha concepción biomédica orixinal e experimentado con resultados sobresaíntes en todo o mundo.

A capacidade deste fármaco para aumentar as defensas naturais foi probada nas catástrofes de Nepal, Haití, Irán, Ecuador (no sismo de Manta) e México mentres as brigadas médicas cubanas establecidas no Brasil, Ecuador, Chile, Venezuela, Nicaragua, Xamaica, Colombia, Arxentina, Bolivia, Nicaragua e Perú levaron a boa nova e beneficios deste remedio. En Wuhan, China, foi específico e clave para recuperar infectados polo Covid-19 e insustituíbel na protección efectiva do persoal médico.

Que o goberno de Washington recuse e persiga dende hai 61 anos as ideas, a práctica política, o comercio e as patentes de Cuba, non foi razón para o Goberno de Galiza descoidar a irmandade histórica Galego-Cubana á que Neiras Vilas consagrou o máis cordial da súa obra, nin descoidar a saúde do noso pobo. Cruce de cultura e solidariedade, que permite identificar, por exemplo, a xenialidade de Agustín Laxe, segunda xeración de emigrantes de Ortigueira na Habana, no nacemento do Interferón que, a seguir da odisea de Wuhan, aparece coma a máis notada esperanza terapéutica contra o Covid-19.

Antecedentes que deitan na man do goberno de Galiza a oportunidade de inaugurar para o Estado e a UE, o beneficio do Interferón Alfa2B Humano Recombinante que, en indignada crítica ao veto irracional dos EUA, está a ser reclamado, coma dereito de comercio libre amparado pola Lei Internacional, por Italia (Lombardía), Colombia, Francia, Dominicana, Salvador, Panamá, Xamaica, San Cristovo-Neves e as Granadinas, entre outras nacións atinxidas polo Coronavirus.

Reciba, señor Presidente, a mellor disposición da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil para remediar a información en falta sobre este medicamento cubano, na esperanza de que poida erguer o nivel das nosas propias defensas contra o andazo e honrar de porparte a vella e común afección histórica por demostrar que o mar non ten cancelas.

Saúde e liberdade para os pobos,

Irene del Rio Iglesias

Presidenta

También te podría gustar...