Xarxa Feminista PV
Portada del sitio > IGUALDAD y DERECHOS-(Aborto-Cuidados) > Mulleres colleiteiras, un proxecto social e ecolóxico contra a (...)

Mulleres colleiteiras, un proxecto social e ecolóxico contra a exclusión

Viernes 26 de diciembre de 2014

Desde os asentamentos de As Rañas e A Pasaxe, na Coruña, unha vintena de mulleres loitan contra a exclusión social através dun grupo de traballo de recollida, almacenamento e transformación de aceite usado.

Sermos Galiza 23-12-2014

Olalla Rodil

Levan perto de dous anos traballando e o proxecto vai para longo. Son Mulleres Colleiteiras, un proxecto impulsado por Arquitectos sen fronteiras que visa combater a exclusión social através do autoemprego. O proxecto baséase na recollida, tratamento e reutilización de aceite usado. Un residuo acumulado en todos os fogares arredor do que desenvolver unha iniciativa transformadora desde o ámbito local.

Rocío Botana é traballadora social e integrante de Arquitectos sen fronteiras desde hai anos. Aliás, fai parte de Mulleres Colleiteiras desde que xurdiu a idea a finais de 2012. En conversa con Sermos Galiza explica que o proxecto xurdiu após detectaren que "a solución aos problemas" que atinxen as comunidades que moran nos asentamentos da Coruña "non se resolve sen traballo e sen ingresos".

Esta ONG traballa coa comunidade cigana dos asentamentos de As Rañas e A Pasaxe desde hai tempo. Entre as múltiples carencias e dificultades que atoparon estaba a "dificultade das mulleres para accederen a un traballo". De aí que se decidisen a pór en andamento "un proxecto de autoemprego", explica.

"A solución aos problemas dos asentamentos non se resolve sen traballo e sen ingresos"

"A idea xurdiu de maneira moi natural", sinala, e partiu dunha experiencia previa das propias mulleres adicadas na súa maior parte á venda ambulante ou á recollida de chatarra. Á fin de construíren un proxecto laboral propio decidiron en marzo de 2013 —logo de diversas conversas— comezar a recoller aceite usado no barrio de Monte Alto. A iniciativa comezou como unha experiencia piloto mais axiña comezaron a expandilo a outras zonas da cidade.

Implicación social mais non institucional

"A veciñanza de Monte Alto", através da asociación veciñal, "axudounos moito" e grazas a esa colaboración puideron "medrar". "Ao comezo era moi complexo", apunta Rocío Botana, "porque era unha idea moi cobizosa" e embora non teren "problemas de acollida nos asentamentos, pois xa existía un traballo previo coa comunidade" recoñece que "custou un pouco comezar a o crer".

Alicerzado na "confianza" o proxecto iniciouse coa habilitación de pequenos contedores (240 litros) de recollida en diversos puntos da Coruña. "Noutras cidades máis pequenas están a se colocar nas rúas", porén na cidade herculina "non" polo que "detectamos unha necesidade non cuberta" e decidiron focar o esforzo nela.

Após perto de dous anos desde que comezaron teñen puntos de recollida na Agra do Orzán, nos Rosales e en Monte Alto, para alén de Culleredo e Cambre. Aliás, non só recollen residuos particulares senón tamén en bares e restaurantes.

Así as cousas, polo de agora non contan cun "espazo propio" para desenvolver o proceso de transformación polo que se encargan da "recollida, almacenamento e venda directa" a unha empresa privada que se encarga da produción de biocombustíbel. Mulleres Colleiteiras é, neste senso, un proxecto que trascende o eido social e conta cunha "compoñente ecolóxica", salienta Botana.

Porén, embora contaren cun apoio do tecido asociativo da cidade desde o goberno local "non se interesaron", sinala. "No ámbito asociativo recibiron o proxecto cos brazos abertos e iso fixo que o proxecto medrase". No entanto, acrecenta, "loxicamente sería imprescindíbel que o propio concello apoiase a iniciativa mais cando lles fomos propondo cousas non amosaron interese". Caso contrario foi o recibimento obtido no Concello de Oleiros onde a equipa municipal está "volcarse" con estas mulleres para lles axudar a "captar clientes" e habilitar "puntos de recollida".

Combater a exclusión con proxectos integrais

Para as perto de 25 mulleres que integran o proxecto esta iniciativa "é unha oportunidade e unha esperanza", afirma Rocío Botana. "Están a investir esforzo e traballo" nun proxecto co que se "senten valoradas e úteis". Un feito que para Botana é "o máis importante" pois "fai moita falta traballar neste ámbito" a prol da inclusión social daquelas persoas que, á marxe da actual situación socioeconómica, veñen sendo excluídas.

"O que se fai non chega a nada", enfatizan desde Arquitectos sen fronteiras debido á "profundidade" e "complexidade" da realidade que atinxe, entre outras, ás mulleres dos asentamentos ciganos. Aliás, acrecenta, "debería traballarse de maneira integral" contra a exclusión á fin de resolver un problema "estrutural". Neste senso, Rocío Botana afirma que é necesario "mudar a estratexia e a focaxe" do traballo que vén desenvolvendo por parte, fundamentalmente, de organismos e institucións.

"O que se fai non chega é preciso mudar a estratexia e a focaxe"

Entrementres, Mulleres Colleiteiras continúa avanzando na consolidación deste proxecto de autoemprego. O reto máis inmediato é converter a iniciativa nunha "cooperativa" para o que é preciso conseguir fondos cos que "financiar os custes do proceso como a notaría ou o capital social" exixido legalmente.

Para tal fin botaron man do fotógrafo Gabriel Tizón. Unha persoa próxima a Arquitectos sen fronteiras que xa coloborou nalgunha outra iniciativa desenvolvida nos asentamentos. Por exemplo, impartindo un obradoiro de fotografía entre as crianzas. Tizón propuxo a Mulleres Colleiteiras editaren un almanaque e unha exposición fotográfica co que recompilar apoios económicos e niso andan.

Comentar esta breve

SPIP | esqueleto | | Mapa del sitio | Seguir la vida del sitio RSS 2.0