Xarxa Feminista PV
Portada del sitio > VIOLENCIA > Denuncian "acoso sexual" nun clube de fútbol sala feminino

Denuncian "acoso sexual" nun clube de fútbol sala feminino

Lunes 12 de enero de 2015

Tres xogadoras do Leis 26 Fútbol sala feminino denunciaron o presidente do clube por un suposto delito de "trato degradante" durante 15 meses. Após dous meses, o caso non foi escoitado nen sequera na Xunta.

Sermos Galiza

Olalla Rodil

"Atópanse en absoluta indefensión", afirma o avogado da defensa, Javier Picallo, en conversa con Sermos Galiza. Após dous meses desde que foi interposta a denuncia nos xulgados de Pontevedra, as xogadoras do Leis 26 de fútbol sala non viron máis que as costas dos seus compañeiros da equipa masculina, a imprensa local e a mesma Xunta de Galiza.

O seu caso constitúe un dos poucos que se fixo público no noso país e, cando menos para o avogado, "o primeiro do que teño constancia". Tanto é así que a defensa baséase na abundante xurisprudencia que existe ao respeito no ámbito militar, mais non deportivo. O presunto delito: un "tratamento degradante" por parte do presidente do clube, José Antonio Nieto San Juan, contra as xogadoras da equipa feminina. Situación que se prologou durante máis dun ano.

Ao longo dos 29 folios que compoñen a demanda as deportistas relatan múltiples situacións de acoso por parte de Nieto San Juan das que achegan probas como imaxes e mensaxes enviadas através de Whatsapp. Para o letrado das xogadoras, "dependemos do xuíz instrutor mais hai moita dilixencia de proba" que acreditaría que o tratamento recibido veu condicionado polo "sexo" das xogadoras.

Para o letrado das xogadoras, "dependemos do xuíz instrutor mais hai moita dilixencia de proba" que acreditaría que o tratamento recibido veu condicionado polo "sexo" das xogadoras

Un tratamento "denigrante" e "vexatorio"

E é que o presidente do Leis 26 "trataba dun xeito denigrante, vexatorio e humillante" ás deportistas, denuncian desde a Marcha Mundial das Mulleres, organización feminista que emitiu un comunicado público após ter coñecemento do caso. Nieto San Juan "buscaba escusas para quedar a soas coas xogadoras", instábaas "a probar camisolas" e proferíalles comentarios sexistas sobre a súa aperencia física, explica o avogado Javier Picallo.

Estas situacións repítense durante 15 meses e exténdense ao ámbito privado, máis alá do clube. Neste senso, unha das mulleres, de 19 anos foi "humillada" nun local de copas pontevedrés onde o presidente do clube lle tirou "un preservativo" cando esta se atopaba de festa. Nieto San Juan acudira ao estabelecemento acompañado polos xogadores da equipa masculina e achegouse a ela con "chulería".

Mais non só. A outra das xogadoras, menor de idade, "pediulle fotos en bikini" através do Whatsapp e mesmo partillou con ela "imaxes pronográficas" através da aplicación de telefonía móbil. Aliás, nunha viaxe deportiva a Canarias chegou a lles afirmar que "no fútbol sala ou sodes todas putas ou lesbianas".

A unha das xogadoras, menor de idade, "pediulle fotos en bikini" através do Whatsapp e mesmo partillou con ela "imaxes pronográficas"

"Relación xerárquica"

"Isto nada ten a ver coa relación habitual dun presidente e as xogadoras", sinala Picallo, quen non dubida da existencia dun delito puníbel penalmente por "tratamento denigrante". Este feito aparece recollido no Código Penal nun só parágrafo mais conta con abundante xurisprudencia emanada do Tribunal Supremo, nomeadamente, en relación ao exército.

Para a defensa, ao igual que acontece no ámbito militar, no do Leis 26 existe unha "relación xerárquica" da que o presidente do clube se aproveita para acosar as xogadoras. Dunha banda, "pola súa idade", 40 anos, e doutra porque no exercicio do seu cargo exerce a "dirección da equipa".

Cando esta situación trascende ao treinador da equipa e integrantes da xunta directiva a José Antonio Nieto San Juan exíxenlle que demita mais, ao contrario, este decide expulsar as xogadoras, o adestrador e 3 directivos.

"Reprocháronlles ter denunciado tarde", asegura Javier Picallo en relación coas informacións difundidas sobre o caso na imprensa local

Após unha rolda de imprensa na que denunciaron o acontecido, as xogadoras bateron cun muro de incomprensión. "Reprocháronlles ter denunciado tarde", asegura Javier Picallo en relación coas informacións difundidas sobre o caso na imprensa local. "É un paradoxo que se difundan campañas para promover a denuncia da violencia de xénero e destas xogadoras digan que denunciaron por vinganza".

"Pasividade" da Xunta

Tampouco a equipa masculina amosou o seu apoio ás deportistas mais si ao presidente do clube. "Nestes dous meses as xogadoras pasaron de vítimas a verdugos", critica Picallo. E non só o mundo deportivo virou as costas ás mulleres, desde a Xunta de Galiza fixeron ouvidos xordos á denuncia, que lle foi trasladada pola deputada de AGE, Eva Solla.

"É absolutamente inadmisible que unha persoa, amparándose na súa posición de poder como presidente dun club deportivo, leve a cabo actuacións de acoso sexual"

Solla, puxo en coñecemento da Secretaría de Igualdade da Xunta de Galiza o pasado 20 de novembro a denuncia destas mozas despois de coñecer os feitos. "A día de hoxe, a única comunicación que tiveron as afectadas foi un correo electrónico no que se lle indicaba que o tema fora trasladado ao departamento de Deportes e informando sobre onde se podían dirixir", apuntan nun comunicado de imprensa.

Tanto AGE como a Marcha Mundial das Mulleres exixiron á Federación Galega de Fútbol, a Secretaria Xeral de Igualdade e a Secretaria Xeral para o Deporte adoptaren "as medidas oportunas para denunciar, sancionar e afastar ao Presidente do Club Leis 26 de Fútbol Sala de Pontevedra" pois, sinalan desde a organización feminista "é absolutamente inadmisible que unha persoa, amparándose na súa posición de poder como presidente dun club deportivo, leve a cabo actuacións de acoso sexual e trato vexatorio, tanto en espazos públicos como privados".

Comentar esta breve

SPIP | esqueleto | | Mapa del sitio | Seguir la vida del sitio RSS 2.0