WILHELM REICH
Wilhelm Reich, xoven psicoanalista do círculo vienés de Freud durante os anos 20, foi pioneiro da psicoterapia corporal e emocional, provocando un desprazamento epistemolóxico respecto á psicanálise, mais centrada no mental, ó poñer a súa atención clínica na actitude postural e muscular que o suxeito adopta, na súa estructuración corporal e no xeito de expresala ou de contela, o que o levou a interesarse polo mundo emocional do ser humano atrapado nas rixideces da súa propia estructura caracterial.
Pioneiro tamén da sexología, a importancia da sexualidade na súa revolucionaria obra reflíctese nunha intensa traxectoria científica e político-social.
As estructuras ideolóxicas, económicas e sociais dunha civilización dan lugar á reproducción social de determinadas estructuras caracteriais. Neste feito apoiase a revolución sexual protagonizada por Wilhelm Reich, interrompida na II Guerra Mundial, e retomada no Maio do 68, co impulso de ideas como a “relación negativa entre sexualidade e poder”, de Foucault, ou a teoría da Desublimación Represiva, de Marcuse, ambas aplicables á actual revolución sexual postmoderna.
Partindo de prantexamentos teóricos baseados na clínica e na observación cotidiana, desenrolou a súa teoría da coraza caracterial e muscular, entendida como defensa ríxida para non sentir nin tomar conciencia do profundo baleiro da existencia.
Este acorazamento ríxido leva ó suxeito á perda da propia individualidade e a un funcionamento mental escindido, ó desconectarse do seu núcleo bioenerxético que é o centro das pulsións humanas naturais. Toda esta represión dáse en beneficio do rol que a sociedade lle asigna e que cumprirá compulsivamente ó prezo dunha angustia e unha ansiedade profundas e dunha identidade sexual difusa. Noutros momentos será unha sensación de vacío-existencial-que-non-ten-nome, ou ás veces unha sensación de apatía, cando non de desvitalización muscular, acompañada de fastío diante do compromiso da vida, xa que observamos que a toma de contacto con esa dimensión profunda dos afectos xéralle gran inquedanza.
Aquí atopamos directamente a antítese da vida vexetativa (pracer-angustia) na relación mente-corpo, tal como Reich a teorizou nas súas primeiras formulacións, que posteriormente se integraron na denominada Medicina Psicosomática.
Resaltamos esa idea inicial de desprazamento epistemolóxico, pois mentres Freud centraba a súa mirada no conflicto intrapsíquico e mental, Reich, cunha concepción holística do animal humano, recalcaba ademais a impronta ríxida do medio familiar e social na organización da personalidade e na estructuración dos bloqueos psico-emocionais, tomando en conta a interrelación funcional dos fenómenos bio-psico-sociais dende unha mirada da complexidade senlleira do ser humano na Modernidade.
ALGÚNS LIBROS
De Wilhelm Reich:
- “La revolución sexual”.
- “La irrupción de la moral sexual”.
- “La lucha sexual de los jóvenes”.
- “Psicología de masas del fascismo”.
- “El análisis del carácter”.
- “La función del orgasmo”.
- “Reich habla de Freud”.
- “Escucha, hombrecito”.
- “Orgasmo y orgón”.
- “La biopatía del cáncer”.
Sobre Wilhelm Reich:
- “Wilhelm Reich. Biografía de una idea”. Luigi de Marchi.
- “Cien flores para Wilhelm Reich”. Roger Dadoun.
- “Wilhelm Reich”. Ilse Ollendorf de Reich.
- “Libro de ensueños”. Peter Reich.