PROPIEDADE? INTELECTUAL?


O acceso libre e gratuíto á cultura, unha das máis vellas aspiracións da clase traballadora, poderíase cumprir hoxe mesmo. Por vez primeira na Historia, contamos cunha tecnoloxía que permite realizar copias perfectas, idénticas aos orixinais, e distribuílas masivamente, sen case custos económicos e desde a propia casa.

Os chamados programas peer to peer , empregados para compartir arquivos entre os usuarios conectados a unha rede electrónica, aboliran propiedade intelectual? de feito o copyright: calquer ben cultural susceptible de ser reproducido (música, cine, libros, imaxes, programas informáticos) é agora propiedade colectiva da comunidade internauta.

O monopolio sobre a distribución dos bens culturais, onte propiedade duns poucos medios, atópase en grave perigo. Porque o modelo de negocio baseado na venta de copias dunha obra informática, musical ou cinematográfica, só foi viable cando se baseou na exclusiva tecnolóxica, e hoxe calquera pode copiar un libro, un disco ou un programa na súa casa, e sen ter diante o orixinal.

As grandes corporacións e as multinacionais da industria da cultura intentaron frear dende os seus comezos este proceso imparábel. Moito antes dos ordenadores persoais e do canon sobre os cedés, lograron impor un canon sobre fotocopiadoras, casettes de audio e vídeo, que gravaba a copia para uso privado, esta aínda hoxe recoñecida polas leis. Agora, a ofensiva mundial contra a piratería, lanzada desde Norteamérica, intenta criminalizar á poboación, igualando a copia privada, feita sen ánimo de lucro, ás redes mafiosas que compiten coa industria da distribución legal no mercado. Co argumento da defensa dos dereitos dos autores, e a complicidade de moitos deles e dos gobernos, pretenden que paguemos prezos desorbitados por uns productos que podemos obter moito mais baratos gracias ao progreso tecnolóxico. O monopolio da copia é xustificado, cara ó público, mediante argumentos como o descenso dos beneficios -e por tanto a perda de moitos postos de traballo-, o deserto creativo que se produciría ao non ter os autores uns incentivos económicos, e sobre todo penas de cadea para os infractores, tal como recolle o novo Código Penal do Estado Español.

Tales argumentos, onde se mesturan as exaxeracións e as medias verdades coas ameazas e as falsedades , nacen todos da identificación interesada dos dereitos de autor coa propiedade intelectual. Esta identificación, apoiada polas entidades de xestión de dereitos de autor e a industria da cultura e do entretemento, é mantida polas leis vixentes en case todos os países, gracias á imposición dos Tratados de Libre Comercio, e ás políticas económicas neoliberais dos gobernos.

De feito, falar de propiedade intelectual para referirse aos dereitos de autor é equiparar estes dereitos ás demais formas de acumulación de riqueza, nacidas da explotación dunhas persoas por outras.

O dereito de autor xorde da creación. Non se trata dunha propiedade adquirida mediante a expoliación aos indíxenas, a explotación de servos, a herdanza ou a especulación. Non se basea na plusvalía adquirida polo traballo de outros: é un dereito ex novo, nacido no mesmo intelecto do autor.

A Declaración Universal de Dereitos Humanos recoñece este dereito, mais non no artigo 17, que regula o dereito de propiedade: atópase no artigo 27, no que se establece o dereito a participar no progreso científico, xusto despois de todos os artigos que regulan os dereitos a un axeitado nivel de vida, á saúde e á educación.

Conxugar os dereitos de autor e o dereito ao libre e gratuíto acceso á cultura e á información, constitúe o núcleo de experiencias como o copyleft e o software libre, movementos que foron pioneiros neste debate, e que cuestionan calquer forma de propiedade intelectual, e aínda o concepto mesmo da autoría persoal nas obras de creación. O debate faise extensivo ás patentes sobre os medicamentos e sobre os organismos vivos- por non falar do xenoma humano-, denunciando un sistema económico que convirte todo, ata a vida, en mercancía.

Pode que fose o impulso consumista de ter aceso de balde aos productos do Mercado o que fixo que o dereito a copiar hoxe o reivindiquen multitudes, mentres que a liberdade de expresión e o dereito á privacidade na internet foron defendidos no seu día só por unha minoría concienciada; o certo é que se a loita contra o copyright non se inclúe no marco global da loita contra o capitalismo, pode converterse nunha metástase máis do consumismo salvaxe e sen sentido que este promove.

VOLTAR INICIO