DURRUTI


DURRUTI DUMANGE, BUENAVENTURA (León 1896 -Madrid 20/11/1936) é, sen dúbida, a figura máis mitificada do anarquismo español de todos os tempos, por riba incluso de Salvoechea e Anselmo Lorenzo, ao que ten contribuído a súa tráxica morte na fronte madrileña, en circunstancias aínda non aclaradas.

Buenaventura Durruti pertencía a unha familia loitadora, arruinada polo seu apoio durruti ás reivindicacións sociais. Tras os estudos da infancia, traballa dende 1910 de obreiro mecánico nun taller. En abril de 1913 afíliase á UGT, único sindicato da localidade, e traballa na instalación de lavadoiros mecánicos en Asturias (Matallana) destacando xa polo seu espírito solidario. Pouco tempo despois ingresa de mecánico no ferrocarril e participa activamente na folga de 1917, polo que é despedido do traballo, e a súa vez expulsado da UGT (por esquerdista). Durruti foxe a Xixón, acompañado do seu amigo "el Toto", mentres é perseguido por sabotador e desertor. En decembro marcha por vez primeira a Francia (Marsella, Beziers, Toulouse, Burdeos, Biarriz ).

En xaneiro de 1919, Durruti volta a España, atopando traballo en Mieres, e afíliase á CNT. Posteriormente leva a cabo misións de sabotaxe nas minas leonesas ata que, camiño da Galiza, é detido e recoñecido como desertor. Durruti é destinado a Marrocos, mais unha hernia forza a súa hospitalización e, aproveitando a oportunidade, evádese a Francia en xuño.

Na primavera de 1920 retorna á península, coincidindo en Donostia con Buenacasa, quen lle aconsella un traslado a Barcelona. Atopa traballo en Rentería, onde axuda eficazmente ao fortalecemento de CNT amais de relacionarse cunha serie de duros militantes (Suberviola, Ruiz, Adabaldetrecu, Marcelino del Campo) cos que constitúe o grupo "Los Justicieros", que actúa en Zaragoza ( atentados contra o ex gobernador José Regueral, o pistoleiro da patronal Languía e o cardeal arcebispo Soldevila) e Euskadi (frustrado atentado contra Alfonso XIII en Donostia). Xunto a Campos e Suberviola marcha a Zaragoza, onde contacta con Pina, Torres Escartín e outros, e encárgase de viaxar por Barcelona, Madrid e Andalucía, con vistas a formar a federación anarquista peninsular. A partir de entón o grupo lánzase a tarefas de altos voos, ao tempo que se reforza con Ascaso en 1922.

O grupo, formado por Ascaso, Durruti, Torres Campos e Suberviola, emigra a Barcelona baixo o nome de "Crisol". En outubro cambian o nome polo de "Los Solidarios", medrando coa entrada de militantes, provenientes sobre todo do ramo da madeira barcelonés. Durruti queda encargado de montar un arsenal, e ante o temor dun golpe de estado preparan unha folga insurreccional, subvencionada cos fondos procedentes do atraco ao Banco de España en Xixón.

Tras o golpe de Primo de Rivera, Durruti e Ascaso pasan a Francia, tendo constancia da súa presencia en París dende decembro de 1923, onde colaboran activamente na fundación dunha editorial anarquista. Durruti e Ascaso participan na desastrosa expedición a Verá de Bidasoa (operación guerrilleira insurreccional) e na preparación dun atentado contra Alfonso XIII, para a continuación realizar dende decembro de 1924 a campaña americana, que os levou dende Cuba a Arxentina, subvencionando escolas racionalistas e abrandando patróns a base de expropiacións polo camiño. En Arxentina esquecéronse durante un tempo das actividades ilegais, entregándose á polémica anarquista reinante no país.

En maio de 1926, e tras moitas complicacións, Durruti e Ascaso volven a Francia, onde son detidos xunto a Jover no mes de xuño, acusados de atentar contra o rei de España. Os tres ingresan en prisión, e tras uns meses en prisión, a forte presión popular polo seu caso e o Sacco-Vanzetti, a folga de fame, e diversos defectos de forma diplomáticos entre Francia e Arxentina, provocan a liberación e expulsión dos tres a Bélxica. Nesta etapa Durruti coñece á que será a súa compañeira ao longo da súa vida, Emilienne Morin.

Ao caer a monarquía, Durruti volta a España cos seus compañeiros, afanándose na preparación da revolución: asiste ao Congreso de 1931 e dá innumerábeis mitins, destacando o do Congreso Andaluz en Sevilla (en setembro de 1932) e os de Reus e Sitges, xunto a Ortiz (en 1936). Durruti está presente en todas as actividades revolucionarias do período e visita con frecuencia as cadeas (dende onde defende a postura "Bandidismo non, expropiación colectiva si" ante a nova técnica desprestixiadora do Goberno) e o desterro. En 1933 é membro do Comité Revolucionario de CNT, en maio de 1934 representa á Rexional Catalana no Pleno Nacional de Rexionais, e en maio de 1936 asiste ao Congreso de Zaragoza da CNT, feito histórico clave no período. A súa posición teórica por entón pódese resumir así: pobo armado, non ás vangardas.

En xullo de 1936, unha vez sofocados os facciosos en Barcelona polas forzas da CNT, e tras a morte de Ascaso, abandona o Comité de Milicias por discrepancias con García Oliver, e marcha á fronte de Aragón ao mando da columna do seu nome, onde realiza a revolución. En novembro de 1936 marcha con parte da columna cara á defensa de Madrid, on de morre o 20 de novembro de 1936, en escuras circunstancias e en primeira liña da fronte. As súas únicas pertenzas eran unha maleta vella, unha muda sucia e un equipo de afeitar. O seu traslado a Barcelona, e o seu enterro alcanzaron un eco grandioso a nivel mundial, con máis de medio millón de persoas na rúa.

Home estritamente de acción, os seus únicos escritos coñecidos están en La Nau (o último deles, do 1 de setembro, contra o Manifesto Trintista) e en La Voz Confederal. Inmensamente popular, aínda hoxe é símbolo das virtudes dos anarquistas. Algunhas das súas frases teñen pasado á Historia, como as de Levamos un mundo novo nos nosos corazóns e Renunciamos a todo menos á victoria (esta última parece apócrifa).

Ao pé dun gran ciprés no cemiterio civil de Montjuich están as tumbas de Francisco Ferrer i Guardia, Durruti e Ascaso, núas de toda inscripción por orde persoal de Francisco Franco.

De feito, a día de hoxe non se pode afirmar que estes corpos repousen dentro destas tres tumbas anónimas.

Reescrito a partir de Íñiguez, Miguel: Esbozo de una enciclopedia histórica del anarquismo español; Fundación de Estudios Libertarios Anselmo Lorenzo, 2001

VOLTAR INICIO