CONTRA A GLOBALIZACIÓN ALIMENTARIA


SOMOS O QUE COMEMOS ¿UNHA MERDA?

Salta estes días aos taboleiros da comunicación unha nova segundo a cal teñen aparecido restos de prozak no subministro público de auga potable no reino da súa graciosa maxestade, a Gran Bretaña, coñecida polo seu amor á boa mesa. Sexa anécdota, manobra de desprestixio da auga pública ou manipulación do estado anímico da poboación, todo o tocante a alimentación preocúpanos (ou debería), xa que todo ser humano debe tomar auga e comida. A alimentación iguálanos a todos. No nivel das necesidades.

Moito máis nun mundo no que suceden evitables mortes por fame e sede mentres no Rosa Bassave e Breogán mundo occidental (definitivamente outro mundo, outro planeta, outra galaxia, outra pola, outra ida de perola) a obesidade, a bulimia ou a anorexia pasan da anécdota ao problema. Paradoxo humorístico soamente dende un punto de vista cósmico.

Mais, aínda falando primeiro dos que comen (e que, polo tanto, terán mais posibilidades de sobrevivir), ¿que é o que están (estamos) a comer? A química permite crear unha casa de caroxetano coa cor e sabor que desexemos, e cada día aparecen novos problemas relacionados co emprego de antibióticos e pesticidas, cancros, etc. A industria alimentaria bombardea con sabores azucrados de simple dixestión, emprega o marketing para abrir novos nichos de mercado (como cando unha compañía decide identificar as súas pizzas como "comida sa da avoa"), cambia as dietas históricas segundo criterios economicistas (o cambio do aceite de oliva polo de xirasol), consegue que un litro de leite saia máis caro ó consumidor ca un litro de viño (mentres os productores case morren de fame, ¡outro éxito empresarial!), e que case a metade dos prezos destes veñen dados por un envoltorio, o Tetrabrick, capaz de manter as propiedades do líquido durante uns cincocentos anos (fabricados en exclusiva a nivel mundial por dúas marcas distintas: TetraBrick e TetraPack). No colmo, as multinacionais desembarcan nos sectores de "calidade", coma os viños de denominación de orixe, para mesturar as uvas buscando o "estándar", a pedra filosofal do mercado. O monopolio.

Mais a industria alimentaria globalizacion alimentaria tamén segue as receitas de eficiencia e deslocalización promulgadas polo integrismo económico mundial, e así pecha a fábrica de Aguilar de Campoo, fabricante de galletas de trigo, con nome no mercado e sita en medio de inmensos campos (os mares de pantrigo dos que falaba Castelao). McDonalds presenta nos seus anuncios a orgullosos e laboriosos granxeiros traballando cunha gorra da súa compañía (descoñecemos se os seus provedores están obrigados a empregala), e cada día máis matadoiros, obrigados polo mercado a sacrificar os animais segundo o rito islámico, invisten en caras máquinas nas que a vaca é volteada para o sacrificio do animal segundo os seus canons: coas pata cara enriba e coa vista posta na Meca. Vacas que hoxe en día entolecen ó comerse os seus mortos, nun novo salto cualitativo de saúde pública despois das etapas do seu emprego como arma comercial (Leis restrictivas de entrada, alarma de peste porcina, gripe do polo asiático, etc) ou como chanchullo asasino polos de sempre (o caso do aceite de colza).

O control dos sistemas alimentarios revéase como unha das maiores necesidades xeoestratéxicas da actualidade. Nun modelo proveniente da época colonial, os grandes monocultivos con vistas á exportación substitúen día a día a agricultura de subsistencia. Millóns de persoas viven en exclusiva de productos como o café, o cacahuete ou o plátano. Mentres no mundo occidental a alimentación prodúcese de xeito industrial, en cadea, xerando novos e sorprendentes efectos, que van dende o malestar ético producido por granxas de polos de excesivas similitudes con campos de exterminio, ás críticas ante a calidade de carnes adulteradas, hormonadas e sufridoras de misteriosos efectos liliputienses ao ser botadas na tixola.

Asistimos tamén impertérritos a unha das loitas deste século: o control pola auga. As grandes multinacionais da alimentación desembarcan no mercado da auga embotellada coa vista posta, evidentemente, na privatización e posterior desaparición das redes de abastecemento públicas (¡vaia negocio!). Mesmo xa sen recato venden esta mesma auga da billa embotellada a cincocentas veces o seu valor orixinal para o consumidor. Ao mesmo tempo que grandes obras públicas, coma no caso da Península Ibérica, acochan gasto sen división entre as necesidades de consumo humano, consumo agrícola e consumo industrial, indo a parar a solución dun problema en verdes e louzáns campos de golf.

O debate sobre os transxénicos é levado polos medios de comunicación ao terreo das cuestións científicas, desviando a cuestión da realidade: a loita pola posesión Primeira Cea da Utopía do planeta. Se ben pódese discutir sobre os riscos e beneficios de, por exemplo, un arroz que necesite de menos auga, a cuestión de fondo é o rexistro como patentes destas melloras, e a súa protección polo sistema nunha escala similar á empregada pola omnipotente e demoníaca industria farmacéutica. Non hai moito, un campesiño denunciou á multinacional Monsanto por contaminar o seu campo con transxénicos, e a xustiza obrigouno a pagar á compañía polo emprego de sementes patentadas. Malia que fose contra á súa vontade. O negocio de cobrar por toda a comida da humanidade é demasiado tentador, o exemplo farmacéutico demasiado evidente, os mecanismos de presión demasiado engraxados.

O vexetarianismo, aparecido entre outras causas como resposta a este modelo empresarial, aparece unido a diversas modernidades e segue sen acadar o grao de normalidade necesario como para realizar unha grande diferencia. Dentro dunha sociedade de consumo capitalista do estilo do actual, a coherencia resulta imposible e os productos consumidos acochan debaixo sempre algún tipo de explotación ou de emprego de substancias nocivas. O comercio xusto e ecolóxico conleva inevitablemente uns prezos que o distancian do gran consumo. Malia que o balanzo enerxético lles dea a razón mil veces.

O terceiro mundo reclama como xustiza que o mundo occidental acabe coas subvencións á súa agricultura e abra as súas fronteiras aos seus produtos. Xa que eles teñen aberto as súas fronteiras aos nosos produtos, din, nós debemos facer o mesmo. E razón non lles falta, mais ¿que será dos millóns de agricultores europeos? Nos USA o mercado está dominado polas grandes compañías, mais non é así en Europa, como sabe ben calquera gandeiro, ou agricultor, ou pescador de por aquí. E, entrando noutro asunto, ¿onde queda a soberanía alimentaria? ¿Como garantir a supervivencia se a alimentación depende de grandes empresas productoras, manufacturadoras, transportadoras, cos seus propios intereses e dinámicas? ¿Como respostar a un lock-out, a un peche patronal, a un boicot por razóns políticas, por exemplo? O control sobre o petróleo parecería benévolo fronte a un control deste tipo sobre os fluxos alimenticios.

Quizais o único necesario sería o que os romanos chamaban o menos común dos sensos: o senso común. Mais isto é a historia da humanidade, en tantas ocasións empeñada en non usalo. É dicir: unha merda. Que, por certo, alimenta aos moscóns que nos devoran. Bon apettite.

VOLTAR INICIO