Pedagoxía: f. Ciencia da educación. Arte de ensinar ou educar aos nenos. Método de ensinanza.
¿Quen non ten soñado algunha vez con crear un novo mundo? Unha aldea, un pobo, unha cidade, un pais, un planeta coa decidida intención de paraíso, modelado coas propias mans levadas do corazón. Modificar o que anda mal no mundo dende a base, dende a propia vida que é o espacio que rodea. E quen non se ten arredado pensando na inmensidade do esforzo necesario para tentalo.
Mais ista ten sido a vocación de Bemposta.
Aparecida en Ourense nos anos 50, Bemposta deu o paso adiante de
sobrepasar, pola vía dos feitos, a distancia entre a realidade e
a utopía, distancia que no mundo actual parece (interesadamente)
insalvable. E na realidade son necesarias distintas prácticas,
distintis camiños para conseguir unha comunidade útil,
autoxestionada, cecáis feliz. Algo máis que unha escola,
ou máis ben unha escola de verdade, onde a xente fágase a
sí mesma, e non unha máquina de producir súbditos.
Un lugar de formación intelectual, laboral e
sociopolítica independente de calqueiras forzas que non sexan as
propias, non disposta a venderse. As mesmas ideas que levaron á
morte a Ferrer i Guardia e a Institución de Libre Ensinanza.
A práctica forza a búsqueda, e en Benposta a práctica mestura as ideas teóricas do socialismo, do anarquismo, do comunismo, dun xeito natural como sempre son as cousas da vida cando non son torcidas por intereses. No proigrama educativo de Benposta incídese na socialización e na responsabilidade, tomando elementos da Colonia Gorki de Makarenko, da Pedagoxía Dinámica, do optimismo pedagóxico, da pedagoxía libertaria, de Kropotkin, e Makhno...A consideración do traballo como favorecedor da responsabilidade e da inserción na comunidade.
Socialización. Responsabilidade. Termos en desuso hoxe en día.
E así non resulta de extrañar que mentras a experiencia da Benposta de Ourense sobrevive nun mar de calumnias, mentiras e mesmo ataques directos, as Benpostas de Venezuela (3), Colombia, Bolivia, Mozambique...gocen de boa saúde, continúen atesorando méritos, e mesmo que o anecdótico "circo" sexa hoxe en día o referente á hora de recuperar aos meninhos da rúa. Fagamos historia.
Nos anos 50 créase a escola de primeira ensinanza e a escola taller, mércase a finca de Benposta e nace o circo como idea de autofinanciación, como forza de autoxestión. Nos anos 60 os estudios chegan a ser centros autorizados e aparecen as edificacións escolares definitivas. Pasiño a pasiño. Nos anos 70 o circo acada sona mundial, a experiencia de Benposta convírtese en referente, dan os seus primeiros pasos a televisión e a escola de música, ábrense novos Benpostas...Cando chega a Transición, Benposta asume a súa responsabilidade e convírtese en foro político, creando o consello de forzas políticas, acollendo as reunións do PcdG, ou mesmo presentando públicamente o PSG de Xosé Manuel Beiras (desencadenando as iras do Goberno Civil). Benposta crea laboratorios, accede á ensinanza do BUP e do COU, e a súa poboación vira cara aos países latinoamericanos. E chegan os 90 e dá comezo a campaña de desprestixio como niño de hippies, idea fracasada, anacronismo, desviador da xuventude...Ataques de sobra coñecidos e recoñecidos, nada novidoso, doutra banda. Acompañados da consabida operación de especulación, que leva ao conflicto frontal de Benposta coa Xunta de Galicia, obviando o feito de ter pasado por aló 30.000 galegos, e rematada nunha desorde xudicial baixo a que se agacha o Sistema, impaciente por reventar este minúsculo grao de pus que leva dende tanto tempo no pandeiro.
E así son as cousas. Benposta é unha comunidade con moeda propia, de democracia directa e responsabilidade colectiva, orientada cara á formación, á autoxestión e, definitiva e indubidablemente, á Utopía.
Este é o pecado polo que queren condenarla.
Mais a nós é a quen corresponde xulgarla. Á xente. Ao pobo.
Responsabilidade. Socialización.
¿Utopías?
Autoxestión: f. Xestión dunha empresa polos que traballan nela. (e así nos va, con estes diccionarios...)