UTOPÍA - FORO tentará de achegar-se no seu terceiro foro á tan cercana como descoñecida realidade do pobo cigano.
A pesar de levar dez séculos convivendo con nós os ciganos seguen a ser a máis descoñecida, marxinada, desprezada, vilipendiada e aborrecida de todas as minorias existentes.
Isto que chamamos "civilización ocidental", (hexemónica
no planeta), implantou uns valores e unha forma de viver que quizais
sexan a antítese dos que posée o pobo cigano. A
mitificación do traballo como forma de dignificación da
persoa, a obsesiva rentabilización do esforzo humano, a
neuròtica posesión das cousas, dos espazos, das terras,
das casas..., o gregarismo no que o home se sente só en masa,
o sedentarismo que reduciu ao cidadán a ser un ente inerte
perante o televisor na intimidade alienada do seu cubículo, a
redución do clan á mínima expresión de
parella (de feito ou de desfeito) con fillo ( biolóxico ou
adoptado no "terceiro mundo"), a hixiene levada até o
paroxismo sobre o que se construen impérios económicos
tan estúpidos e inumanos como inútis, o controlo
absoluto sobre os indivíduos que son rexistrados e fichados en
centos de arquivos; enfin , un modelo de vida ao que se quere
integrar a toda a humanidade e que resulta, cando menos, moi
discutibel.
"Integrar", esa é agora a palabra clave, o método democrático.
Ao longo da história do
pobo cigano tentáron-se numerosos e distintos métodos
para tratar a cuestión cigana:
"escravizá-los", "prendé-los",
"exterminalos", "expulsá-los",
"esteriliza-los", "negar-lle o traballo",
aplicar-lle a lei de "vagos e maleantes"... Infinitos recursos
para un sofremento infinito. Fermosos e cristiáns métodos
dunha civilización incapaz de aceitar o que non sexa ela
mesma. ¿"Integrarse"? ¿Onde? ¿Para o
que? ¿Por o que? Só desde unha arrogancia carente do
mais mínimo senso autocrítico, ou desde un cinismo
total, se lle pode pedir a alguén que se integre nesta cadea
de brutalidade, alienación, sangre, tolémia,
miséria
e infelicidade que é a história oficial de isto que
chamamos "civilización ocidental". Pero "integrar"
é agora o democrático. Convencer-lles para que se
volten sedentários e desfruten das maravillas das nosas
fermosas cidades as que poden chegar en cómodos autobuses
desde os guetos aos que se lles expulsou. Mudar-lles a lona
multicolor das suas tendas por grises blocos de cemento. Dar-lles
pisos que non suportan. Escolarizalos cos payos para que, mal
vestidos e mal falados, decoren as esquinas dos patios nos recreos
solitários. Dar-lles cursiños para que cosan como as
payas, para que saquen o carné de conducir como os payos, para
que fagan encaixes de "bolillos" nos camiños do desprezo
mentres todos gardan as carteiras cando entran eles.
"Integrá-los", que deixen de ser o que son, que vivan como
nós, que loiten
polo que nós loitamos, que crean no que nós cremos, que
sexan como nós. Porque nós estamos no certo, na vida
correcta, no sistema correcto, cos valores correctos, e se están
aquí teñen que ser como nós, esforzar-se en ser
como nós. E que se aclaren un pouco a pel porque asi, tan
negros, semellan ciganos. E acostumarse a falar mais baixo, porque
falan como ciganos. E vestir-se mais sóbriamente porque con
todo ese colorido e ese negro con tanto ouro, semellan ciganos. E non
vender a droga que os capos payos lle venden a eles para que eles lla
vendan a consumidores payos. E ser menos violentos, que sempre andan
con navallas encima, que tomen exemplo dos americanos (esa
"democrácia tan antiga" como din os preclaros
intelectuais eses que ten a Campos na sua tertúlia). Que
monten a asociación da navalla ao estilo da do rifle, ou que
manden aos seus "churumbeles", aborrecidos de tanta democrácia,
a calquera instituto carregados de armas ( pero das de verdade, das
de fogo) a masacrar a todos os compañeiros e os profesores. Ou
que se aponten ao democrático e pouco violento exército
de 20.000 mercenarios cos que a ejemplarizante USA privatizóu
a tortura no Irak. Ou que se metan soldados para violar musulmans,
que esa é unha violencia como debe ser, ocidental,
cristiá,
e tecnolóxica... Enfin , que deixen de facer o cigano, que non
é nada moderno.
¿Como nos verá a nós ese pobo que xamáis tivo un estado, nen un exército, nen unha policía, nen cadeas, nen manicómios, nen fábricas, nen bancos, que xamais fixo unha guerra, nen deu un golpe de estado, nen construíu un campo de concentración, nen de refuxiados, que nunca fixo limpeza étnica, nen construíu a bomba atómica, do que non xurdíu o nazismo, nen o feixismo, nen o estalinismo, nen o democrartismo que esquilma ao "terceiro mundo", que invade paises para roubar petróleo, que tortura para implantar os dereitos "humanos", que asasina para salvar a pobos aos que en realidade despreza; qué pensarán de nós?
Se lles acusa de roubar.Será máis ben de non saber roubar, ou de roubar pouco. Porque se soubesen facé-lo, e facé-lo en grandes cantidades, acusaríase-lles de ser empresarios con bos advogados, ou de ser banqueiros con conta segreda en paraíso fiscal.
Acusase-lles de violentos. Será mais ben de ser pouco violentos. Porque de ser realmente violentos haberia que acusá-los de ser alemans responsábeis directos ou indiferentes do xenocidio de 600.00 ciganos, 6.000.000 de xudeos etc., ou de ser norteamericanos responsábeis da morte de 300.000 civis en Hirosima e Nagasaki, e Vietnam, Chile, Irak...
Calquera
persoa decente sabe que os violentos son os que levan unha navalla e
non os que teñen exércitos, bombas atómicas,
tanques, mísis, minas persoais, "bombas de racimo"
Se lles acusa de lacazáns cando xamáis se lles permitiu traballar, e se algún traballo se lle ofereceu foi o que non queren os payos, nen os "moros", nen os negros ... ¿E se fose mellor deixar de tolear na cadea de citroën ou entre os neóns do corteinglés en troques de non ter tres televisores, dous dvd, dous carros e un piso hipotecado, e poder tirar-se ao sol na beira dun río Con un "bocata" de tortilla e a alma inteira?
Non sería difícil solucionar o problema cigano. A receita é sinxela: solidariedade, gratitude e admiración ante o diferente. Defender, como se a vida nos fose niso (e vai-nos), o distinto, porque iso é o que nos enriquece e fai-nos grandes. Desfrutar e aprender a apreciar a beleza do que non é como nós, porque iso nos volta bos. Defender a diferenza como o noso maior tesouro, como o noso patrimonio irrenunciábel. Ter a humildad suficiente para aceitar que a verdade está en todas partes e o engano tamén. E como dicía Hölderlin, aprender a ser xenerosos porque só cando aman , asemellan-se os homes aos deuses.
Partindo de isto o problema cigano convertería-se, de súbito, na bendición cigana.
Sede utópicos porque nen Bush nen Aznar serán-o xamais.
Podes atopar máis información en:
www.vurdon.it
www.unionromani.org