Como adoita acontecer sempre que falamos de xéneros cinematográficos (éses que case todo o mundo pode identificar mesmo no vídeoclube, pero que case ninguén é quen de definir e clasificar de xeito definitivo e unanimemente aceptado), os límites do chamado cine negro non son doadamente definibeis.
De entrada, porque o film noir -que tamén así se lle
chama- constitúe un exemplo paradigmático do habitual
carácter retroactivo/retrospectivo que amosa a
configuración xenérica na arte cinematográfica.
Lembremos. En realidade, e como ben sinalaron teóricos dos
xéneros como Rick Altman, a expresión nominal film noir
só comeza existir logo da Segunda Guerra Mundial,
asentándose de xeito definitivo cando foi adoptada -na
súa terminoloxía francesa- durante os anos cincuenta por
unha cultura norteamericana que fornecera moitos filmes sombrizos pero
que nunca utilizara o adxectivo noir/negro para definilos.
Con anterioridade, foran algúns críticos franceses quen comezaran a utilizar o adxectivo noir, pero non como termo xenérico, senón como definición aplicada a certos filmes daquel país (La Bête humaine, Quai des brumes, Hôtel du Nord, Le dernier tournant...), dada a súa semellanza temática e atmosférica coas novelas dunha colección que publicaba a editorial Gallimard titulada Série Noire, un ciclo de narracións especialmente escuro incluído dentro do popular xénero literario francés do roman policier (novela de detectives). Cando, rematada a guerra (concretamente en 1946), se estrea en París un grupo de filmes norteamericanos caracterizados polo seu ton sombrizo e mais pola dureza do seu estilo e temáticas (Perdición, Historia de un detective, Laura, La mujer del cuadro, Forajidos, etc.), os comentaristas franceses pasan a lles aplicar aquel termo autóctono anterior ao conflito bélico para calificar -cómpre telo en conta- unhas obras cinematográficas que xa posuían unha identidade xenérica propia na súa industria de orixe (thriller, melodrama criminal, entre outras e segundo os casos).
Asumindo, entón, ese carácter retrospectivo na aplicación do termo (do mesmo xeito que, por exemplo, hoxe en día consideramos como obra fundacional do western o filme dirixido en 1903 por Edwin S. Porter Asalto e roubo a un tren, concibido como un cruce entre dous xéneros moi populares daquela, o de viaxes -no seu subxénero ferroviario- e o policíaco de crimes violentos, nun momento no que o western como tal aínda non se configurara), poderiamos retrotraer as orixes do cine negro ao momento -finais dos anos vinte, primeiros dos anos trinta- no que o medio se volve sonoro, e no que agroman unha serie de obras (Little Caesar ou Scarface poderían ser puntos de partida) que combinan unha determinada estética -de raizame centroeuropea: neoexpresionista, por así dicir- cun discurso social crítico que opera sobre as inxustizas e corrupción do sistema.
De maneira que os límites do xénero que nos ocupa non van estar marcados tanto pola súa temática coma polo enfoque e tratamento da mesma, o cal, sen dúbida, introduce na consideración de que é un film noir matices de carácter subxectivista. Evidentemente, atoparemos unha serie de variantes temáticas -subxenéricas, se queremos- a partir da ficción criminal que se han manter constantes (as películas policiais, de detectives, de gansters, de atracos ou golpes perfectos, os filmes penitenciarios...) que, asemade, vehicularán unha serie de elementos (o deseño e carácter de personaxes masculinos e femeninos; a manifestación do erotismo; a presenza da violencia física, verbal ou moral; a utilización dun certo tipo de humor; o tratamento de decorados e situacións...); pero, diante de todo, ha ser o posicionamento existencial e ideolóxico do discurso fílmico o que comporte a súa adscrición como film noir. Consonte a isto, estabelecerase durante o período clásico do xénero (anos 30-50) unha contínua tensión entre os cineastas e os sucesivos códigos de censura imperantes, o que obrigará ao desenvolvemento dunha linguaxe cinematográfica altamente elíptica e simbólica. Neste sentido, o funesto período maccarthysta da "caza de bruxas" supuxo o comezo dunha crise da que o cine negro tardará en recuperarse.
Polo demais, e como adoita acontecer con todos os xéneros, o film noir coñecerá significativas evolucións e mutacións ao longo do tempo (aínda máis tendo en conta a dialéctica que vai estabelecer sempre coas circunstancias socio-políticas de cada momento) e mesmo atopará o seu reflexo noutros países e contextos industriais (dende o polar francés ata o cinema xaponés, por exemplo), ata chegar as súas formulacións -unhas veces- e revisitacións -outras- dentro do panorama interxenérico contemporáneo.
Tales serán os temas que ocupen a nosa charla.
Conferencia de Xosé Nogueira. Venres 13 de maio ás 20:30 h.
Rúa do Pracer 19 Vigo
XOSÉ NOGUEIRA OTERO
Doutor en Historia da
Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, foi bolseiro de
Terceiro Ciclo e Predoutoral neste mesmo Departamento, do cal é
profesor asociado desde 1997. En 1991 comeza a desenvolver actividades
de investigación no campo da Historia do Cine no seo de diversos
equipos, traballando en proxectos para diferentes organismos e
institucións.
Membro da Asociación
Española de Historiadores do Cine (AEHC) dende 1997 e do Centro
de Estudios Fílmicos da Universidade de Santiago de Compostela
(CEFILMUS) dende 2003. Dende ese mesmo ano e ata a actualidade,
é o coordinador pola USC dos Obradoiros de Cine "Xoves,
sesión continua", coorganizados coa Asociación Galega de
Guionistas (AGAG) e mais as Universidades de A Coruña e Vigo.
Ten exercido como
poñente e conferenciante: Club Faro de Vigo, 1997; Simposio
Internacional "Cen anos de Cine", A Coruña, 1998; Seminario "A
emigración galega e o audiovisual", Santiago, 1998; VII Ciclo de
Conferencias "Historia de Galicia", Ourense, 1998; 1ª Mostra de
Cinema Latinoamericano, 1999; VIII Congreso Internacional da
Asociación Española de Historiadores do Cine, 1999;
Xornadas "Cine e emigración" do Arquivo da Emigración
Galega, Santiago, 2002; "Obradoiro de cine: David W. Griffith",
Pontevedra, 2002; Seminario "As tradicións populares no cine
español. O cine español na busca do seu público",
A Coruña, 2002; Seminario "La nueva mirada del cine
español", Centro da UIMP en Galicia, 2003; Seminario "A
produción audiovisual galega dende a posta en marcha da
Televisión de Galicia", Escola Superior de Artes
Cinematográficas de Galicia, 2004, ou nos Ciclos "Ideas sobre
cine. José Luis Guerín" e "EspeculacCións. A
historia da arte como fonte para a arte contemporánea", CGAC,
2005; tamén participou, entre outras, en Mesas Redondas como as
co-organizadas en 2001 polo Centro Galego de Artes da Imaxe "10 anos de
cine galego" e "Homenaxe a José María Nunes"; na mesa
redonda "A oferta de formação cinematográfica e
audiovisual no Noroeste da Península", Jornadas de Cinema e
Audiovisual de Fafe (Portugal), 2003; ou na mesa redonda de
Teóricos celebrada no seo do Curso de Extensión
Universitaria "Cine e literatura. Casares e o cine", Universidade de
Vigo-Fundación Carlos Casares, 2004.
Asemade, impartiu
cursos noutros ámbitos: "Cine Español" no XIII Curso de
Español para Estranxeiros da Universidade de Santiago de
Compostela, "O cine documental" no curso especializado Técnicas
de Escrita de Guións Audiovisuais para a Asociación
Galega de Guionistas, "Aprender ver cinema" para os Centros de
Formación e Recursos de Vigo e Ourense, dependentes da
Consellería de Educación e Ordenación
Universitaria; ou os Seminarios "O cine galego desde a II
República ata os nosos días" e "Historia da
animación" para os Cursos de Formación de Monitores en
Audiovisual do Consorcio Audiovisual de Galicia .
Presidiu o xurado do I Premio de
Guións Cinematográficos Galicia-Portugal organizado polas
Xornadas de Cine e Video en Galicia (XOCIVIGA) na súa
edición de 2002.
Colaborador en distintas
publicacións -a revista especializada Vértigo
(1992-1998), o semanario A Nosa Terra, Grial, Cuadernos de la Academia
ou a Enciclopedia Galega Universal de Ir Indo Edicións-,
participou en edicións como Cine de vangardas 1915-1917 (A
Coruña, 1993), Filmografía Galega. Longametraxes de
Ficción (Santiago de Compostela, 1997), Catálogo del cine
español. Películas de ficción 1941-1950 (Madrid,
1998), Cien años de cine. Historia, Teoría y
Análisis del texto fílmico (Madrid, 1999), Diccionario do
cine en Galicia 1896-2000 (A Coruña, 2001), Técnicas de
escrita de guións audiovisuais (Santiago de Compostela, 2002),
Obradoiros de Cine Clásico (Santiago de Compostela, 2003),
Iniciación ao audiovisual (Santiago de Compostela, 2004) e Libro
Branco de Cinematografía e Artes Visuais en Galicia (Santiago de
Compostela, 2004). Coordinou a edición do número
monográfico "O audiovisual galego" da revista Grial (2002).
É autor de O cine en Galicia (Vigo, 1997).
Na actualidade, prepara
a edición do volume colectivo Xéneros
cinematográficos e segue na elaboración (co profesor
José Mª Folgar de la Calle) dun estudio monográfico
sobre o empresario cinematográfico Isaac Fraga Penedo.
Así mesmo, vén de participar no volume colectivo centrado
na figura do produtor Cesáreo González, co-editado polo
Centro Galego de Artes da Imaxe e a Filmoteca da Generalitat Valenciana
[no prelo].