Cultura de consumo,

Consumo de cultura


Dende hai tempo en Utopía, foro de debate, propuxemos o tema do consumo. Facíase necesario porque nas nosas conversas aparecían ideas e imaxes que forman parte dese intercambio cotiá, indespensábel para a supervivencia no primeiro mundo. Semella que non hai escapatoria á "sociedade de consumo". Ben nos recoñezamos privilexiad@s ou marxinad@s, tanto ten, o certo é que vivimos rodeados de abundancia, entre moreas de obxectos, medios, planificacións, desexos, ...

Algúns amig@s dín que é un tema moi vello. Hainos, incluso, que dín que é algo desfasado. Xeracións enteiras falaron do mesmo, mais non por traballado atopamos a cuestión superada. Trátase dunha peza fundamental do sistema do capital por razóns obviamente económicas que difícilmente se lle escapan a ninguén. Polo tanto, segue a ser necesario o seu debate.

¿Por que debatilo? Ou, ¿para que? Dende este espazo entendemos que é preciso recuperar a propiedade da palabra, o valor das verbas propias, do que significa para xente coma nós calquera obxecto, relación ou concepto.

Precisamente, no caso do consumo, topamos cunha idea chea de significados e procesos. Podemos pensar nos 'bens básicos' de consumo diario. Tamén en moitas outras cousas que precisamos hoxe para ter 'calidade de vida'. Aínda máis, podemos pensar nas fábricas e centros comerciais que existen por todo o planeta, e chegaremos a falar de mundialización, explotación ou incluso de sustentabilidade e cooperativismo.

Pero a finalidade dos vindeiros debates é levar máis aló a nosa mirada, e tirar cara unha crítica ao consumismo como ideoloxía, sobrepasando as críticas éticas e alternativas do consumo responsábel. E o que é máis, falaremos -sen escolas nin autores de culto- do control social, desta maneira de existir integrad@s na sociedade-mundo, facendo fincapé no dominio a través do consumo de símbolos.

Cando dicimos 'símbolos' semella que falamos das marcas comerciais, dun logotipo, eslogan, en moitos casos da hexemonía da publicidade e das modas no eido da producción cultural. Sí, tamén falamos diso, mais, en primeiro lugar, faise indispensábel ter presente a importancia dos símbolos como ferramenta para o entendemento humano. A capacidade de simbolizar é unha das actividades primarias da humanidade, tanto como comer ou moverse. Sen os símbolos non teriamos unha linguaxe, porque non poderiamos entender que unha "mesa" é unha "mesa" con independencia do contexto, material, cor, deseño, etc. En resumo, son básicos para a comunicación e a aprendizaxe dunha vida en sociedade, que permiten transmitir conductas e o cadro de valores que nos diferencia e pertence.

Mais, ¿ata que punto son importantes as imaxes -representacións simbólicas- da realidade para que nos comportemos hoxe como consumidor@s?

Para comezar, como actividade fundamental na sociedade actual, o consumo aséntase sobre un soporte de significados que permite que as persoas se entendan arredor duns códigos compartidos. Deste xeito, hoxe podemos escoitar "cesta da compra" e "30 euros non rinden nada" e coñecemos o contexto e o proceso social do que se está a falar.

É máis, na actualidade, a maneira de consumir e os obxectos que compramos non son neutros, definen posicións de clases, ao mesmo tempo que ofertan modelos de vida. Polo tanto, a función simbólica do consumismo asegura a distinción social e unha producción cultural homoxénea.

Neste sentido, no consumismo como ideoloxía subxacente, o valor de utilidade dos bens que mercamos pasa a un segundo plano, xa que se entende que as necesidades básicas poden chegar a cubrirse pese aos cambios monetarios. As preferencias do consumidor se orientan segundo o valor de signo. Son os símbolos os desexados, buscados, comprados e consumidos.

A tarefa de encher de contido simbólico os obxectos non é fácilmente identificábel. Sabemos que hai moita psicoloxía na publicidade, mais ¿como é que compramos de tantas cousas que nunca pensamos precisar? ¿quen enche de significados un código de barras ou unha tarxeta de crédito?

Dende a saída da fábrica ata o consumidor, os productos pasan polos medios de comunicación de masas, a publicidade, a moda, e distintos grupos sociais de pertenza (familia, barrio, escola, traballo,...) e referencia. Durante toda esta circulación vaise cargando de valoracións do tipo: bo/malo, caro/barato, novo/tradicional, ... Ao final, o producto, co seu valor económico e simbólico, remata topando co sistema de valores individual onde ten que ser asimilábel e recoñecíbel.

Esta idea do valor simbólico podemos entendela, mais...¿de certo será tan importante o dominio dos significados do que consumimos? Será, se cadra, porque somos o que facemos, é dicir, o que consumimos. Cuns patróns de consumo fortemente arraigados, o ser humano responde como unha "máquina de desexos": de novidades, de calidades, de experiencias e afectos.

Chegados a este punto, ¿ata onde nos leva o consumo? Dende os bens básicos ata o consumo de ocio, de cultura, de nós mesmos. Falar do consumo segue a ser necesario porque a identidade propia está en xogo, cando non en compra-venta.

Proxección de Rosalie va de compras. Luns 21 de marzo ás 20:30 h.

1º debate: Cultura de consumo, a creación de símbolos. Martes 22 de marzo ás 20:30 h.

2º debate: Consumo de cultura, identidades que apañan símbolos. Mércores 23 de marzo ás 20:30 h.

Rúa do Pracer 19 Vigo

VOLTAR INICIO