Vangarda e masas


Como vimos, o problema da ligazón ou da unidade entre a vangarda e as masas da clase -que é, en esencia, o problema da Reconstitución do Partido Comunista- non pode resolverse presupoñendo a vangarda. Ata aquí, fixémolo porque era necesario para definir o cambio cualitativo do movemento proletario unha vez cumprida a súa formación como clase social e como partido político e para explicar as novas condicións nas que se desenvolve a unidade Partido-Clase; era necesario por canto tratábase de definir o movemento da clase cara ao Comunismo, co que debiamos partir dunha vangarda existente. Non obstante, matizabamos establecendo xa a condición de que a vangarda formase parte da clase e que, precisamente, este feito configuraba o PC e, en consecuencia, establecía as condicións históricas para o movemento revolucionario da Clase cara ao Comunismo.

Dende o punto de vista político, definimos ao PC como unha unidade entre vangarda e masas, como a súa ligazón, converténdose esta ligazón, en canto é a expresión concreta da relación de unidade entre eses dous elementos, na parte substantiva do PC. Este non é, polo tanto, só a vangarda organizada porque, precisamente, a relación entre vangarda e masas encerra diferentes equilibrios, diferentes formas de unidade, segundo as etapas da Revolución e segundo as tarefas que esixe cada unha delas. A vangarda, entón, organízase para cumprir esas tarefas políticas, do que se deduce que o principal non é a organización, senón a política. A primeira tarefa política da Revolución é a Reconstitución do PC, entón, ¿como se organiza a vangarda para cumprir esta tarefa?, ¿cal é o contido desta?, ¿cal é a liña de masas que permitirá unir a vangarda coas masas e, con el, dar o salto cualitativo para alcanzar o PC?

Para responder a isto, é preciso definir a vangarda e os elementos que a configuran como tal en cada momento, e o mesmo cabe dicir do concepto de masas. Neste sentido, hai dúas fases claramente diferenciadas: cando existe PC e cando este non está aínda constituído. Non fai falta dicir que, cando existe, o PC é a vangarda. O problema está en definila cando non hai PC.

O elemento do que hai que partir é a ideoloxía, pero non como algo xa definido de antemán, senón como algo que hai que formular e asumir antes de ser levado ás grandes masas da clase. A ideoloxía proletaria, certamente, é algo que existe e, á vez, algo que está en desenvolvemento permanente. Non podemos partir, precisamente nun momento de repregamento da Revolución Proletaria Mundial, de que a ideoloxía está xa plenamente desenvolvida ou de que a ideoloxía está xa definida cando aínda non se fixo a valoración dos seus avances conseguidos nesa primeira ondada revolucionaria mundial. Igual que sería absurdo tratar de afrontar as tarefas actuais da Revolución só co marxismo, é dicir, coa experiencia do proletariado revolucionario ata a década dos 90 do século XIX, tamén o sería non ter en conta as achegas ao marxismo leninismo que se derivan da construción do socialismo na URSS e China principalmente, así como as leccións da loita de clases no socialismo e da loita de dúas liñas dentro dos partidos comunistas que dirixían Estados de Ditadura do Proletariado.

A ideoloxía é algo obxectivo: está aí na forma dun conxunto de experiencias sintetizadas ou aínda por sintetizar de xeito teórico. Sen esta síntese previa non se pode abordar a Reconstitución porque, entón, non sería a ideoloxía quen a orientara, senón determinadas interpretacións desta, máis ou menos sesgadas, ou a ideoloxía incompletamente concibida, co que non se podería estar á altura que esixe o cumprimento das necesidades da Revolución.

Establecido isto, ¿quen cumpre o papel de "vangarda" e, por oposición, quen o de "masas" na etapa da Reconstitución?; se a relación vangarda masas define ao PC no seu desenvolvemento, ¿cal é a natureza desta relación na etapa da súa formación?.

A vangarda, nun primeiro momento existe escindida en dous polos: por unha parte, os membros máis avanzados e conscientes das masas da clase, que se distinguen destas masas só porque dirixen ou encabezan as súas loitas económicas e porque teñen conciencia do carácter antagónico destas loitas; é dicir, aínda non teñen conciencia revolucionaria, pero distínguense do oportunismo e do conciliacionismo porque demostran conciencia de clase consecuente. Por outra parte, está o polo oposto, quen comprende a necesidade de dotar á clase da súa ideoloxía revolucionaria, quen se organizan para estudala e asumila e, á vez, pasan a aplicala, na medida que van coñecéndoa, entre as masas.

Estes dous polos opostos determinan o carácter da contradición vangarda masas na etapa da Reconstitución. Nesta fase, a política revolucionaria circunscríbese exclusivamente ao sector máis avanzado das masas, de maneira que, seguindo o principio de que a ideoloxía debe estar ao mando do proceso, o sector que a erixe como guía xoga o papel de vangarda nesta etapa, mentres aquel outro que actúa como dirixente espontáneo, como representante fiel da clase "en si", se enfronta a el como masa. Do que se trata é de que este sector avanzado, con conciencia de clase, pero sen conciencia revolucionaria, transforme a súa ideoloxía, sexa gañado para o Comunismo. Da súa síntese co outro sector de avanzada resultará o PC. Entón, abrirase unha nova etapa, na que a ideoloxía deberá gañar ás grandes masas da clase para conquistar o poder e instaurar a Ditadura do Proletariado. Nesta nova etapa, a vangarda é o PC como organización política e as masas o resto da clase. A relación vangarda masas cambiará, polo tanto, de carácter e a liña de masas a aplicar pola vangarda, tamén adoptando a forma de Fronte Única dos Traballadores.

Na etapa de Reconstitución, as masas non son, en resumo, a maioría da clase, os seus sectores máis extensos e profundos, senón o seu sector máis avanzado en canto é expoñente da loita de clase contra a burguesía, a loita que desenvolve a clase como tal clase. Para reconstituír o Partido, a ideoloxía, a través dos que a portan -neste caso os que actúan como vangarda- deben conseguir que esas masas experimenten un cambio no estado da súa conciencia. Deste xeito, conséguese a síntese en PC, por canto a vangarda ideolóxica pasa a integrarse na clase -e polo tanto, a ideoloxía revolucionaria faise parte constitutiva da clase-, por un lado, e por canto, por outro, o sector máis avanzado das masas transforma a súa conciencia en conciencia revolucionaria.

A liña de masas da política revolucionaria na etapa da Reconstitución consiste en centrarse neste sector do proletariado para "gañalo para o Comunismo" e en organizar a forma de dirixirse a el e o modo de conquistalo. A liña de masas para a Reconstitución consiste en que a vangarda ideolóxica debe saber ligarse ao resto da vangarda para crear o PC.

Comité Central do PCR
Abril 1996