JUVENTUDES  CARLISTAS

        ...eman  ta zabal zazu munduan frutua...  

inicio

Serie dedicada al Carlismo en el Diario Galicia-Hoxe

"El Cura Matalaz"

Resumen

O Carlismo no século XX

A evolución do Carlismo resulta altamente interesante, por ser un pensamento e unha manifestación social que rematará por fundir e abandeirar moi diversos e opostos movementos; desde o integrismo católico e conservador ós movementos sociais de tipo obreirista; desde o concepto de federalismo e autogoberno ata o agrarismo.

Certamente o mesmo século XX ensina xa nas súas primeiras décadas esta salientable variedade de matices. En Galicia resulta doado de recoñecer esta característica e como sinala Barreiro -a quen tanto nos referimos neste iedo por ser un dos mellores analistas desta ideoloxía- "froito deste movemento será a crecente preocupación do carlismo polos problemas sociais... Os carlistas vencéllanse ós Círculos Católicos de Obreiros como o de santiago (fundado en 1897), o de Ferrolo e a Escola de Obreiros de Lugo (fundada en 1885)... Outro tipo de compromisos que adquiriu o carlismo son de índole política: o rexionalismo e o agrarismo. O carlismo galego non comezou a manifestarse rexionalista ata 1876... A partir de 1881 verificamos a aparición dun rexionalismo conservador, moi moderado e moi católico, que estará presente en 1936 e impoñerá as súas condición no Estatuto e que é froito na súa meirande parte do carlismo. Nese sentido debe reflexionarse moito sobre o feito de que o ideólogo do rexionalismo galego, Alfredo Brañas, despois dalgunhas dúbidas, remate por se facer carlista. O outro compromiso que adquiriu o carlismo, xa no século XX foi o agrario. Cando en xullo de 1907 se comeza a perfilar o movemento de Solidaridade Galega, Vázquez de Mella anuncia o seu apoio que ratificará no discurso pronunciado en Santiago con ocasión dos Xogos Florais''.

No resto do estado a cousa non é moi distinta; por citar algúns exemplos, os partidarios de Don Xaime participan activamente na creación dos Sindicatos Libres, e incluso alimentarán en gran parte o nacemento da república. Por outra banda, a participación carlista no alzamento está máis que documentada, aínda que rexeitando a unificación coa Falanxe, isto rematará abocándoos a posicións ben contrarias ó rexime.

Políticos carlistas

Sen dúbida pódese considerar a Cándido Nocedal como o responsable de converter o carlismo nunha opción política con todo o que iso implica. Pioneiro nese labor, o político herculino foi quen de, nas dúas etapas nas que estivo á fronte desta opción de muda-la faciana tradicional do carlismo, sacala do seu acubillo tradicional para que a través das institucións democráticas tivera eco e voz parlamentaria.

A sucesión do seu fillo Ramón, quen tamén controlará o xornal 'El siglo futuro' e que será unha pluma temida pola súa dura crítica, semella separar temporalmente o carlismo desta vía, pero de novo a influencia de políticos de recoñecida talla intelectual como Vázquez de Mella (e moitos deles vencellados ó noso país), como Pedrosa Ulloa, como Carlos Adrán, fan do carlismo unha activa opción política.

A continua división interna achega o carlismo a unha segregación excesiva ata o punto de carecer de prohomes de certa entidade. Así será nos anos 30 o andaluz Manuel Faz Conde, un católico integrista, o máximo responsable dun partido que agora semella unido e que se converte nun verdadeiro aparato militar co obxectivo de loitar contra da República.

Tralo triunfo do alzamento franquista, o carlismo volve á oposición pola súa negativa ó recoñecemento do réxime do xeneral Franco. Son os tempos nos que o carlismo perde tamén a súa propia 'coroa', morto sen sucesión Don Afonso Carlos no 1936, ano de comezo da guerra Civil española, terán que pasar case vinte anos para que sexa recoñecido como sucesor o seu sobriño e a quen deixara como rexente, o Don Francisco Xavier de Borbón e Braganza.

O carlismo evoluciona agora cara a posicións obreiristas e federalistas. O pensamento de Zubiaga Imaz, membro da Xunta Democrática e expulsado do país, de Zavala Castella, ou de Zufía Urrizalqui deixan boa mostra dese camiño. Co achegamento de Carlos Hugo de Borbón á sucesión carlista, este movemento inicia unha nova transición cara á participación democrática.


LOS SEIS CAPÍTULOS DE LA SERIE


O CARLISMO(I)

http://www.galicia-hoxe.com/periodico/20040201/lecer/n24245.asp

O CARLISMO(II)

http://www.galicia-hoxe.com/periodico/20040208/lecer/n24842.asp

O CARLISMO(III)

http://www.galicia-hoxe.com/periodico/20040215/lecer/n25444.asp

O CARLISMO(IV)

http://www.galicia-hoxe.com/periodico/20040222/lecer/n26064.asp

O CARLISMO(V)

http://www.galicia-hoxe.com/periodico/20040229/lecer/n26663.asp

O CARLISMO(VI)

http://www.galicia-hoxe.com/periodico/20040307/lecer/n27240.asp
 

 

 

VOLVER A LA PÁGINA PRINCIPAL