Congreso da Memoria 'A
represión franquista en Galicia'
Narón 4-7 decembro 2003
Asociación Cultural 'Memoria Histórica Democrática'
R/Magdalena, 202-204, 1º
15402 Ferrol (A CORUÑA)
memoriahistoric@terra.es
http://www.artabria.com/memoria-historica-democratica
Dende a restauración democrática na segunda metade da década
dos setenta, mantense pendente a débeda moral coas xeneracións
que sofriron a represión durante catro décadas, despois do
levantamento militar de xulio de 1936. As institucións académicas,
e principalmente as universidades galegas, mantiveronse case
que ao marxe da cuestión, deixando á nosa cidadanía orfa dunha
dramática parte da súa historia; só os traballos dalgúns investigadores
afondaron en parte dese pasado. Semella, asemade, que a transición
quixo pechar as feridas dos corenta anos de dictadura privilexiando
os sentimentos dos verdugos máis do que os das víctimas, botando
unha lousa de silencio sobre a barbarie do franquismo e sobre
quen a sufriu. Agora que o ciclo biolóxico dos protagonistas
daqueles primeiros tempos da dictadura vaise pechando non
hai xa excusa ningunha para manter o silencio.
Case que trinta anos despois da morte de Franco, metidos xa
nun novo século, cumpre dar un paso adiante na recuperación
da nosa memoria histórica: do que foi aquel réxime xurdido
do golpe militar e das consecuencias que tivo para a nosa
terra. É preciso que as novas xeracións coñezan un anaco do
noso pasado que nos foi roubado.
A mediados do ano 2002 xurdiu a A Asociación Cultural 'Memoria
Histórica Democrática', unha asociación que quere lembrar
e reivindicar a memoria de todas aquelas persoas que sofriron
a morte, represión e cárcere na dictadura franquista. Dende
unha perspectiva ideolóxica plural, abordamos esta tarefa
como un imperativo moral diante dos homes e mulleres represaliados,
pois é aos historiadores a quen corresponde a responsabilidade
social de por os seus coñecementos e métodos ao servicio da
recuperación do pasado.
Ademáis doutras iniciativas, como a presentación de mocións
de recoñecemento dos represaliados e represaliadas nos concellos
da comarca, tentamos agora dar un paso adiante presentando
un proxecto de investigación e divulgación histórica: trátase
da celebración do Congreso da Memoria 'A represión franquista
en Galicia', a celebrar en decembro deste ano 2003. É o noso
desexo que este Congreso constitúa un foro plural e participativo
no que as persoas e institucións interesadas na recuperación
da memoria histórica poidan aportar novos datos e investigacións
sobre o tema, sempre inconcluso. Ademáis este Congreso servirá
para rendir unha cumprida homenaxe aos represaliados e represaliadas
na dictadura.
Convidamos a todolos investigadores que traballaran algún
aspecto da historia destes feitos históricos a compartir os
seus coñecementos con outros investigadores e co público en
xeral, tentando dar un primeiro paso nunha evaluación de conxunto
do que foi a represión da dictadura franquista na nosa terra.
Calquera persoa interesada en participar no Congreso deberá
contactar coa Asociación antes do día 30 de setembro de 2003,
aportando un resumo da súa investigación. Os traballos aceptados
no Congreso deberán entregarse definitivamente o 15 de novembro
de 2003, para a edición das actas, despois da celebración
do Congreso.
Desenvolvemento do Congreso da Memoria 'A represión franquista
en Galicia'
DATAS: 4 a 7 de decembro de 2003.
ACTIVIDADES:
a) Presentación de traballos de investigación sobre o tema
b) Debates e mesas redondas
c) Recitais musicais e poéticos, exposicións artísticas, bibliográficas,
ou fotográficas
d) Acto final de homenaxe e lembranza aos represaliados e
represaliadas
DISTRIBUCIÓN DAS SESIÓNS:
Xoves 4 de decembro - Tarde
Inauguración
Marco histórico (1931-1975)
Venres 5 de decembro - Mañán
A mecánica represiva
(Os represores, os instrumentos legais, o aparello carcelario,
a finalidade da represión,…)
Venres 5 de decembro - Tarde
Os represaliados
(Os individuos e os diversos grupos humanos, políticos, sociais
e culturais diante do feito represivo)
Sábado 6 de decembro - Mañán
As zonas
(A represión nas diversas áreas xeográficas e as súas particularidades…)
Sábado 6 de decembro - Tarde
O estado da investigación
(Fontes para o traballo histórico, accesibilidade ás mesmas,
reconto bibliográfico, implicacións do traballo de recuperación
da memoria histórica…)
Domingo 7 de decembro - Mañán
Homenaxe aos represaliados e represaliadas
O conxunto de actividades públicas iría acompañado, posteriormente,
pola publicación das actas dos traballos científicos aportados
polos investigadores ao Congreso.
Calendario
30 de xulio de 2003
Convocatoria do Congreso
Presentación pública do Congreso á prensa, institucións, e
contacto cos investigadores para convidalos a participar no
Congreso.
30 de Setembro de 2003
Peche do prazo de admisión de traballos ao Congreso
Nesta data todolos investigadores terían que ter presentado
un resumo dos traballos que desexen presentar ao Congreso.
15 de novembro de 2003
Peche do prazo de presentación de traballos para o Congreso
Nesta data todolos investigadores terían que ter presentado
o texto completo dos seus traballos para o Congreso.
4 a 7 de decembro de 2003
Celebración do Congreso
Nesta semán levarianse adiante todolos actos do Congreso,
tanto os principais como outros que poidan celebrarse de xeito
paralelo.
|