Revelacións dun iraquí desertor do exército de EE.UU.
O testemuño do ex-colaborador coincide perfectamente con reportes que revelaron as implicacións de persoal norteamericano na colocación de bombas destinadas a civís iraquís. Nun comunicado do mércores ao mediodía, a Asociacion de Estudos Musulmáns de Iraq (AMSI), citando a Quds Press, informou que unha fonte informativa iraquí (que pediu o anonimato), revelou algunha das actividades promovidas en Iraq polos norteamericanos, como asasinatos e bombas feitas explotar en mercados, co obxectivo de promover loitas internas entre iraquís, destinadas a facilitar o proxecto de división do país. A AMSI di que se trata dunha persoa que traballou uns dous anos e medio para as tropas de ocupación, ata que puido liberarse e escapar a unha zona fóra de Bagdad, onde espera que os norteamericanos non a poidan atopar.
Isto é o que conta o ex-colaborador: ”Na guerra de 1991 eu era un soldado do exército de Iraq, e durante a retirada de Kuwait ducias dos meus compañeiros e mais eu decidimos solicitar asilo en Arabia Saudita. Foi nese momento cando comezou o proceso do meu reclutamento para o exército norteamericano, eran comités de militares norteamericanos que seleccionaban iraquís que aceptaban enrolarse e ir aos Estados Unidos, eu fun un deles.”
”En 1992 leváronme a EE.UU., precisamente a unha illa chea de instalacións militares. Eu era un de tantos iraquís, tamén estaba o ex-gobernador de an-Najaf, Adnan adh-Dharfi. Recibiamos instrución militar, cursos de inglés intensivo e eramos adestrados para desenvolver operacións como o asasinato.”
O ex-colaborador tamén di que durante a invasión do 2003 e a guerra que seguiu, levárono de novo ao interior de Iraq para facer tarefas especiais, que lle sinalaban encargados norteamericanos.
”Durante a guerra que levou á ocupación de Iraq estiven cun grupo de colegas que, coma min, foran adestrados en EE.UU. para provocar o caos nas fileiras do exército iraquí. Fixéronnos entrar en Iraq pola fronteira de Arabia Saudita, vestidos con uniformes iraquís, a nosa tarefa era sobre todo a de crear derrotismo entre os soldados iraquís, por exemplo espallar o falso rumor de que o exército norteamericano entrara en tal cidade ou tal outra cidade, ou estaba nos arredores de Bagdad, o que contribuíu en parte ao rápido colapso do noso exército”.
”A unidade á que eu pertencía estaba aloxada no palacio presidencial no distrito da al-A´zamiyah. Unha vez ao mes podiamos ir atoparnos con parentes e coñecidos a Bagdad, eu adoitaba ir visitar á miña familia no barrio de Madinat as-Sadr´ en Bagdad oeste. Pero cando as cousas comezaron a empeorar, e persoas armadas comezaron a disparar sobre quen vían saír do edificio, pedinlles aos meus familiares que viñesen eles estar comigo de vez en cando, para polo menos velos”. ”A miña tarefa era a de facer de vixiante, pero pouco despois do cambio da situación os norteamericanos metéronme nas dependencias dun grupo que era parte dunha unidade que estaba cometendo asasinatos polas rúas de Bagdad. Debiamos matar a determinadas persoas. Os norteamericanos dábannos nomes, fotografías e planos sobre os seus movementos diarios, desde e en dirección ás súas casas, e debiamos matalos. Por exemplo, chiítas no distrito sunita da al-A´zamiyah, ou sunitas no distrito chiíta de Madinat as-Sadr, e así”. ”Se algún da unidade cometía un erro, era fusilado. Tres membros do meu grupo foron fusilados polos norteamericanos por non conseguir asasinar a políticos sunitas en Bagdad, segundo as ordes recibidas. Isto foi hai dous anos”.
O ex-colaborador explica que os norteamericanos teñen unha unidade para “traballos suxos”, composta de iraquís, norteamericanos e estranxeiros dos grupos de seguridade destacados en Bagdad e noutras cidades iraquís. Esta unidade non só comete asasinatos, tamén ten homes especializados en poñer bombas nos barrios e nos mercados e cumpre operacións de detención de persoas que están buscadas polo exército norteamericano, pero que non queren matar. As operacións de deixar coches bomba e detonar explosivos nos mercados son feitas de diferentes modos. O máis usado entre os norteamericanos é o de meter unha bomba nun coche, mentres o controlan nun posto de control. Outro método é o de meterlle a bomba mentres a persoa é interrogada. Outro sería o dunha persoa que é chamada a unha base norteamericana, ás agachadas métenlle unha bomba, despois dinlle que ten que ir a unha comisaría de policía, ou a un mercado ou outro sitio e o seu coche remata saltando polo aire”.
A AMSI observa que este testemuño que vén do ex-colaborador coincide perfectamente con reportes que revelaron as implicacións de persoal norteamericano na colocación de bombas destinadas a civís iraquís. O corresponsal británico Robert Fisk -declara a AMSI- tivo recentemente un encontro en Siria con iraquís para falar destas “operacións negras”, http://www.rodelu.net/fisk/fisk347.html, feitas polos norteamericanos. O escritor exipcio e ex-director do xornal al-Ahram, Muhammad Hasanayn Haykal, revelou nunha entrevista coa cadea de televisión Al-Jazeera que a gran cantidade de mercenarios, polo seu número e equipamento, constitúen un exército, o segundo despois do norteamericano. Este exército -dixo Haykal- é chamado os “cabaleiros de Malta”, nas súas fileiras hai iraquís e libaneses, son estes normalmente os culpables de moitos dos atentados contra civís iraquís.
[Traducido para La Haine por Federico Méndez] (traducido ao galego pola Asemblea Anti-imperialista, nodo50.org/antimperialistavigo)