O Iraque: nova estratexia de seguridade.
EMPAREDAR A RESISTENCIA, por Santiago Alba Rico (escritor e arabista)

A disposición estadounidense de construír muros arredor de máis de dez barrios conflitivo de Bagdad, evidencia o fracaso da invasión do Iraque.
A guerra dixital de Rumsfeld, ideada coma unha fulminante operación  de reformateo do Iraque, con moitas máquinas, poucos homes e menos baixas, revela catro anos despois toda a súa fracasada e criminal megalomanía. Moitos miles de mortos máis adiante, mentres millóns de iraquianos abandonan os seus fogares, mentres o Irán e EEUU pelexan pola prea apostando cadavres, mentres a lexítima resistencia aumenta a súa presión sobre dos ocupantes, os estadounidenses van baixando moi  a bulir ata  o ras do chan, dende o mando a distancia ao ladrillo, dende a lóxica posmoderna da pantalla de ordenador á lóxica neolítica da gaiola de ferro. Non abondan xa os bombardeos; non abonda tampouco a constelación de bases e cárceres onde se fan desaparecer os corpos; agora as cidades mesmas deben converterse en xigantescas prisións  con sucesivas portas que só sinalarán o paso –polo demais difícil e arriscado- dunha cela a outra. Os EEUU decláranse vencidos do xeito máis destrutivo, primitivo e inhumano: erguendo muros. Entre 10 e 30 barrios de Bagdad ficarán isolados e cercados detrás de altísimas paredes de cemento nos vindeiros meses; os que se erguen xa para condenar Adamiya teñen case catro metros de altura e están construídos con bloques de seis toneladas de formigón. Custa traballo –e doe- imaxinar esta cidade viva convertida a martelazos nun armario acoirazado onde os seus habitantes son clasificados ou abandonados en caixóns pechados e recintos estancos; esta grande praza aberta agora dividida neurótica e desesperadamente en cubículos cada vez máis pequenos cheos de entullo e de mortos. A ocupación, entre outras moitas cousas, destruíu tamén o verbo `saír´ e os seus alivios: saír da casa, saír da propia rúa, saír do barrio xa non é máis ca outra maneira de seguir a entrar, unha e outra vez, na mesma prisión.
Pero doe sobre de todo imaxinar a vida dos iraquís. A estratexia é tan rudimentaria coma brután; os barrios que non puideron ser dobregados militarmente, son amurallados, precintados e abandonados á súa sorte. Cidades enteiras xa foron cercadas (Rutba, Samarra, Tal Afar) e o muro de Adamiya é ao mesmo tempo o principio e o alongamento dun plan que ven sendo aplicado rutinariamente dende hai meses en Bagdad, onde zonas completas da cidade foron delimitadas e segregadas cos veciños confinados no seu interior, sometidos a controis tan ferreños –de entrada e de saída- que pode falarse sen tantariñar dunha política de ghetto. Leila Anwar, a misteriosa e desesperada  cronista de Bagdad, descríbenos como se vive dentro: sen luz, sen alimentos, sen medicinas, o lixo amontóase dende hai meses nas rúas xunto cos cadavres que ninguén ousa retirar por medo aos francotiradores. “Alí, os vivos envexan aos mortos”. En Adamiya, en Al-Amiriya, mesmo no céntrico Karrada, se os bagdadís non poden ser vencidos, serán sinxelamente emparedados e abandonados, barrio por barrio, caixón por caixón, ata que á chamada “zona verde”, rodeada de tombas candadas, os estadounidenses xa só poidan descolgarse dende o aire.
Se EEUU non pode empecer a súa derrota, pode empecer a vitoria. O tempo apreme. Perdido o Iraque, debe evitar a alianza anti-imperialista dos pobos arabo-musulmáns promovendo a división entre chiís e sunnís a prol de Israel, ameazado polo crecente prestixio de Hizbullah e de Irán. Perdido o Iraque, o `negocio da reconstrución´ redúcese xa á desesperada e primitiva tarefa de multiplicar os muros: da provisión de cemento para o paredón de Adamiya –infórmanos a CEOSI- faranse cargo o axente colaboracionista Ahmad Chalabi e o empresario xermano-israelíta Zeev Belinsky, implicado tamén na construción dos primeiros tramos do muro de Palestina e que ten entre outras empresas a Totman Cement Company. E aos iraquís encomendaranlles o traballo de cavar as súas propias tombas.

(Traducido ao galego do periódico “Diagonal”, do 10 ao 23 de maio de 2007)