QUE FESTEXAMOS NESTE 1º DE MAIO?

Os traballadores, homes e mulleres, do Iraque, Palestina, Colombia, Nepal e tantos outros morren baixo as bombas e a tortura do terrorismo fascista e imperialista. Os e as inmigrantes afogan de camiño ó paraíso e os que chegan son asfixiados na desesperanza e a escravitude. Os proletarios e proletarias dos países desenvolvidos estamos encadeadas á precariedade; as hipotecas e as débedas cángannos ó carro dos que espallan a guerra polo mundo. A nación galega, a nosa fala e a nosa economía están sendo soterradas polo imperialismo español. A clase obreira perde conquistas seculares e o capital faise máis agresivo e brutal mentres se afunde na crise global.!

Qué podemos celebrar? Fronte a esta grande ofensiva capitalista, os pobos organízanse e loitan avanzando pouco a pouco e vencendo o pesimismo que a propaganda pseudo-democrática espalla coma lixo ata o último recanto. Os traballadores do mundo temos moito que agradecerlle ós nosos irmáns iraquianos, que están a fundir nun lameiro o exército do imperio máis forte e agresivo, o dos USA. Mais tamén na Palestina ou na Galiza, nas fábricas de Alemaña ou dos mesmos EE.UU., as brasas da resistencia permanecen. Acheguemos a elas a leña seca do noso devezo de liberdade e xustiza!


NON É UN DIA DE FESTA, É UN DÍA DE LOITA!
ABAIXO O CAPITAL IMPERIALISTA!

Asamblea Anti-imperialista